Lembrar o pasado escolar de Cabana de Bergantiños ó longo do século XX. Ese é o obxectivo da nova serie de actos dentro do programa “Inverno da memoria para escolares”.
Despois de facer un estudo sobre as escolas de Cabana, o Concello mesmo datou escola máis antiga, sita en Folgoso (Riobó), con data do 1924. Pero tamén, esparexidas pola totalidade das parroquias se levantaron centros educativos ou se arrendaron casas para desenvolver as funcións docentes. Citamos algúns destes lugares: O Outeiro (en Anos), A Porreira, Borneiro e Dombate (en Borneiro), Tras da Agra, Sinde, Canduas, Taboído (en Canduas), Fontenla, Neaño, O Carballal (en Cesullas), Millán (en Corcoesto), Nantón, A Piolla, Cazón (en Nantón), O Esto e Beres (no Esto), Riobó e Folgoso (en Riobó), e outras que quedan por citar como o Centro Público Integrado As Revoltas, o Colexio Rural Agrupado Os Remuíños ou a Gardería A Casa dos Títeres.
Así, teñen un amplo e catálogo de anécdotas sobre o tempo escolar dos cabaneses, e para iso van ir lembrando estes datos nas vindeiras sesións do mércores 25 de xaneiro, e dos mércores 1 e 8 de febreiro no Salón de Actos do CPI As Revoltas. Entre outras, recuperaranse datos coma estes:
Os edificios: En Anos, o edificio escolar propiedade do Xastre de Anos estaba alugado para escola, era de pedra e tiña os pisos de madeira con tantos buratos que xurdían os ratos para arriba por todos os lados.
En lugares coma Sinde os edificios non tiñan o recinto pechado e a el accedíase a través das corredoiras que o comunicaban coas aldeas. Desde logo que o calzado eran os zocos.
Os mestres: Era habitual que os mestres e mestras vivisen na vivenda escolar. En Anos, tiñan escola abaixo e vivenda arriba. Unha das obrigas do alumnado era irlle buscar leña ó monte para encender a cociña.
En Anos, moitos veciños colaboraban co profesorado dándolle verdura, carne e outros produtos agrícolas.
Os castigos: En Anos, a mestra poñía o seguinte castigo: a aquel que se portaba mal obrigáballe a levar as súas pertenzas ata o lugar da Ermida onde ela collía o autobús.
En Dombate, arreaba coa vara nas mans e poñía o alumnado de xeonllos.
En Sinde, tamén se castigaba co pau e ademais poñíase contra a parede de xeonllos e con cousas que estorbasen.
En Sinde, unha vez ocorreu a seguinte trasnada. Na escola, tiñan unha botella para encher de auga na fonte e beber dela todos os da escola. Unha vez, un rapaz tiña tantas ganas de mexar, non llo dixo ó mestre e mexou dentro dela. Resulta que despois a culpa levouna outro neno, quen recibiu unha morea de vareadas no cu.
En Sinde tamén unha vez colleron un niño dun paxaro e levárono para o armario da escola. Ó final, as culpas foron para os de sempre, recibindo vareadas e os falcatrueiros quedaron sen castigo.
Os xogos: En Sinde xogaban ó fútbol; ó tirabogas; ós peóns; ó escondite; a monta-la churra... ou ó palenque, unha especie de billarda: lanzábase o pau afiado ó aire, dáballe con outro con forma de machado e quen o mandaba máis lonxe era o gañador.
Os costumes: Era típico que viñese un fotógrafo (podía ser Vidal de Laxe) sacar fotos na escola, claro está, pagando. En Sinde poñían a fotografía dentro dun banderín.
En Borneiro era obrigatorio saudar a dona Luísa da Coruña (a mestra) da seguinte maneira: “Buenos días” (ó chegar) e “Que usted lo pase bien” (ó marchar).
En Canduas, como había moitos nenos na escola e o mestre non tiña todo o tempo dispoñible para todos, os máis grandes tomábanlle a lección ós máis pequenos.
En Anos compoñíanse versos ó Santísimo na escola. No aspecto relixioso, tan só obrigaban a rezar o rosario na misa. En Borneiro tíñase por costume rezar unha oración como inicio da xornada escolar.
En Borneiro era habitual asaltar unha horta de figos que había preto da escola; o alumnado ía á carreira para ver quen chegaba primeiro.
Era habitual faltar moito a clase, sobre todo cando había que labrar a terra ou botar o millo.
Os horarios da escola eran de 10 a 1 e de 3 a 5.
As comidas: En Sinde, o mestre traía figos desde Corme e dáballos ó alumando. Ás veces, convidaba a un cacho de biscoito.
En Dombate e Borneiro, algúns días preparábase leite en po.
Polas comuñóns, o cura preparaba o alumnado e o día desa celebración era habitual en Cabana que as mestras lles preparasen un chocolate ós nenos e nenas que cumprían con ese sacramento.
As materias: A táboa de multiplicar había que sabela perfectamente de memoria. As aulas impartíanse en lingua galega e castelá aínda que os libros estivesen escritos en castelán.
O libro máis famoso eran as enciclopedias Álvarez. De primeiro grao ata os 12 anos e despois de 2º grao.
As verbas de Hermosinda
Con estas palabras de Hermosinda Varela Lema (Hermosinda de Tabuído), ao Jorge Rodríguez, que impartiu docencia nesta aldea cabanesa, o Concello invita a participar a todo o mundo.
Agora voulles decir
do maestro que aquí temos:
enseña ben os rapaces
e todos están contentos.
Parece buena persona.
É algo mui coxo o pobre.
Si quere correr tras eles,
seguro de que non pode.
A esto chega calquera.
Nincún podemos falar.
Pasa de cincuenta anos
e xa se quere casar.
Pois non quere pouca cousa.
O señor é de proveito.
Pide unha rapaza nova
que esté do trinque ó dereito.
Así recorda Hermosinda a construción do CPI As Revoltas:
Fixeron un grupo escolar,
fui ordenado por muitos,
pra pasar millor o tempo
os maestros todos xuntos.
Están os nenos no recreo
mirando hacia nosa ría
e vendo os barcos que van
da Cruña a Villagarcía.
Os maestros son mui bos.
De aquí adiante veremos,
que nos queren enseñar
cousas que nós non sabemos.
Eu non sei pre que queremos
aprender tanto na escola.
Imos quedar sin cabeza,
porque non temos memoria.
Fonte