Xoves. 25.04.2024
El tiempo

As sendas peonís chegan á Costa da Morte

As sendas peonís chegan á Costa da Morte
Antes e despois da Senda Peonil de Ponteceso a Anllóns Antes e despois da Senda Peonil de Ponteceso a Anllóns Case cinco millóns de euros é o orzamento que destinarán a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña á construcción de varias sendas peonís na comarca de Bergantiños e nos concellos de Muxía, Vimianzo e Mazaricos. Onte, días depois da presentación do Plan de Sendas de Galicia, dábanse a coñecer as actuacións dentro da Costa da Morte. Por unha parte, a conselleira de Infraestructuras e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo; o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; e o alcalde de Cabana, José Muíño; presentaron onte os itinerarios que se executarán na comarca de Bergantiños cun investimento de máis de catro millóns de euros. Unha das sete sendas das que se contemplan nesta zona xa está executada dende finais do 2015, concretamente a que discorre entre Ponteceso e Anllóns.   A titular de Infraestruturas detallou que as obras suporán a execución de 9 quilómetros de sendas, coa previsión de iniciar a contratación dos traballos antes de que remate o verán. Segundo explicou, con esta medida pretenden que "os veciños da Costa da Morte poidan ter, canto antes, sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais". Para a comarca de Bergantiños, prevense as seguintes sendas: Carballo- Polígono industrial de Bértoa; Laracha- Paiosaco; Carballo- Coristanco; Laracha- O Cancelo; Laxe- Equipamentos- P.Marítimo; Xornes- Buño- Canta la Rana; e Neaño- Cabana. Ethel Vazquez presentou en Cabana o plan de sendas de Galicia para o comarca de Bergantinos Ethel Vazquez presentou en Cabana o plan de sendas de Galicia para o comarca de Bergantiños Estas actuacións presentadas onte en Cabana están enmarcadas no Plan de Sendas de Galicia, que o pasado xoves se aprobou no Consello da Xunta, e que concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís e para bicis. O Plan de Sendas desenvólvese no marco do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, aprobado o pasado mes de febreiro e que se fixa como obxectivo estratéxico reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas. Ademais alíñase cos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia Europea 2020, en canto á promoción dunha economía baixa en carbono mediante o fomento dunha mobilidade sustentable. A conselleira apuntou que a Xunta iniciou os traballos en 7 comarcas galegas, entre as que se atopa esta de Bergantiños. Así, nunha primeira fase acometeranse 55 novas sendas e un total 75 km, para peóns e para bicis, que suporán un investimento de 26,3 millóns de euros e progresivamente avanzarase nesta medida ata ter completados os 170 novos quilómetros de sendas.   Muxía, Vimianzo e Mazaricos E por outra banda, onte o Boletín Oficial da Provincia publicaba onte a licitación de tres obras de construción de sendas peonís nos concellos de Muxía, Vimianzo e Mazaricos e de mellora dunha estrada provincial de acceso á igrexa de Cances, en Carballo, por un importe global de 870.753 euros. En concreto, trátase dos proxectos de remodelación e acondicionamento da travesía de Senande, na DP 3403,entre os puntos quilométricos 3 400 e 4 675, no termo municipal de Muxía,  cun prezo de licitación de  484,680.38 euros. As obras terán como obxectivo subsanar as deficiencias existentes, mellorar o estado urbanístico da travesía, incrementar a seguridade vial e e minimizar as barreiras urbanísticas e consistirán na execución dunha calzada de seis metros de ancho con arcén lateral dereito de 0,20 metros e urbanización de beirarrúas laterais con anchura de 1,20 metros, así como a colocación de barandilla para protección no desnivel existente entre os Pk 3+825 e 3+915. En Vimianzo, licítase por 186.440,90 euros a contsrución dunha senda peonil na DP 1603 de Ponte do Porto a Quintáns, entre os puntos quilométricos 1+400 e 2+345. A nova senda peonil, destinada a mellorar a seguridade vial nesta zona de case un quilómetro, terá un ancho medio de dous metros e un arcén de separación do carril de circulación de 0,5 metros. Debido á configuración do terreo, con desmonte en parte do percorrido, contemplase a execución de muros de escollera, con alturas máximas de 1,8 metros e de bordillo nos tramos nos que o terreo estea a unha cota superior á da senda. Para o drenaxe de pluviais contruirase unha rede de tubería de PVC baixo a senda, reforzada con formigón, e sumidoiros cada 50 metros. O proxecto tamén inclúe nova sinalización vertical e horizontal. En Mazaricos, a Deputación licita tamén a construción dunha nova senda peonil na estrada DP 3404 que vai de Serra de Outes a Dumbría, entre os puntos quilométricos 19+600 e 20+100. O importe de licitación é de 80,689.43 euros e as obras consistirán na construción da senda de aglomerado na marxe dereita da estrada, a construción da rede de pluviais, o pintado da liña de arcén e a sinalización horizontal da nova infraestrutura. Esta obra ten un prazo de execución de sete meses. As obras da estrada DP1908 de acceso á igrexa de Cances, entre os PK 0 e 1+360 no termo municipal de Carballo, saen tamén a licitación por importe de 118.942,73 euros, que se destinarán a mellorar a capa de rodadura do citado vial, reparando as zonas máis deterioradas do pavemento e extendendo unha nova capa de mistura bituminosa en quente de 5 cm. de espesor que mellorará as características estruturais e funcionais da estrada. As catro obras saen a licitación por procedemento aberto. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 9 de abril no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios