Venres. 03.05.2024
El tiempo

Un concerto de corais abrirá un programa de Nadal en Cabana que vai polas parroquias

Un concerto de corais abrirá un programa de Nadal en Cabana que vai polas parroquias
O concerto As Nosas Músicas abrirá a programación de Nadal do Concello de Cabana de Bergantiños que dará comezo o vindeiro domingo 19 de decembro e se estenderá ata a noite máxica de Reis do día 5 de xaneiro. A cita As Nosas Músicas deste domingo 19 de nadal xa vén sendo tradicional no tempo de inverno cabanés. Nesta ocasión, subirán ó escenario do Auditorio Municipal, a partir das 6 da tarde, as tres corais radicadas no municipio acompañadas por parte do alumnado da Escola Municipal de Música José Mª Álvarez Canto. Romperán o xeo, os gaiteiros Iván Lema e Jordi Castro coa interpretación dunha “Polca”. A continuación, a coral San Martín de Canduas, fundada polo crego Antonio Méndez Farto, recentemente premiado coa medalla Marcial del Adalid, cantará os temas “O consolo”, “Ai la le lo” e “Revive la Navidad”. A segunda coral será a Asociación de Homes e Mulleres Coro de Cesullas a cal, baixo a dirección de Teresa Facal Amado, subirá ás taboas os temas “A branca gaivota”, “Durme, Xesús, durme” e “Ledicia no mundo”. O peche coral corresponderalle a Homes e Mulleres Coral de Corcoesto os cales, baixo a batuta de Jesús Couto Varela, interpretarán “Unha terra, un pobo, unha fala”, “A estrela” e “Galicia ó compás dunha muiñeira”. A clausura definitiva correrá a cargo do Grupo de Iniciación á Música da Escola Municipal coa interpretación colectiva da canción televisiva “O pirimpimpín”. Non obstante, ó longo da tarde, unha das corais presentará unha sorpresa vinculada co repertorio tradicional de Cabana de Bergantiños, segredo que se desvelará no propio concerto.

O Nadal vai por parroquias

Unha das características desta programación invernal será que, fiel á filosofía do traballo realizado desde o Departamento de Cultura, percorrerá a totalidade das parroquias do concello. Así, xa desde a propia mañá do domingo 19 comezarán as representacións de belén viventes. O domingo 19, serán as representacións de Borneiro e Canduas. O sábado 25 de decembro, as de Corcoesto, Neaño, Anos, Cesullas e Riobó. O domingo 2 de xaneiro, as do Esto e Cundíns. Estas representacións realizaranse, segundo costume, nas igrexas parroquiais ou nalgún local social. En Anos e en Cundíns, o Concello conta coa colaboración da asociación de veciños e cos asistentes ó catecismo.

Cabalgata de Reis

Outro ano máis, a Cabalgata de Reis tamén acudirá a todas as parroquias. Como na pasada edición, os Reis levarán ledicia e regalos a todos montados nun tren pneumático. O luns 5 de xaneiro percorrerán A Silvarredonda, Corcoesto, Beres, O Esto, Cundíns e Cesullas. O martes 6 de xaneiro irán a Borneiro, Canduas, Neaño, Anos, A Mata e Nantón. En Nantón haberá un belén de Reis organizado pola Asociación Cultural Airiños de Nantón. A cita máis concorrida será a do día 5 de xaneiro, a partir das 6 e media da tarde, na Noite Máxica de Reis, que terá lugar no pavillón municipal. Para os máis pequenos abrirase Cabanalandia con inchables, obradoiros infantís e xogos de Wii. Mentres se agarda pola chegada dos Reis Magos, todos poderán gozar dunha actuación de maxia a cargo de Pablo Trasno.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Departamento de Cultura do Concello de Cabana.

Comentarios