Un Inverno da Memoria para recuperar as vellas escolas de Cabana
11:34 19/01/11
As vellas escolas de Cabana de Bergantiños xunto co alumnado que acudía a elas e o profesorado que traballou, en ocasións case toda a súa vida nas mesmas, serán as grandes protagonistas do programa «Inverno da Memoria» que o departamento de Educación, Cultura e Normalización Lingüística desenvolverá durante desde o 29 de xaneiro ata o 27 de febreiro.
O programa terá o seu pistoletazo de saída o vindeiro sábado 29 de xaneiro cando, ás 6 da tarde, José Luís Mira Lema, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, natural de Cabana de Bergantiños, xunto con alcalde, José Muíño Domínguez, e outras autoridades locais inauguren a exposición Aula Histórica do Ensino e bauticen as obras de reforma do edificio da Escola Unitaria de Borneiro.
Despois, ó longo de 21 días do mes de febreiro, a totalidade de escolares de Cabana de Bergantiños e os habitantes das parroquias do concello poderán acudir e participar con experiencias escolares a este programa de homenaxe ó ensino.
O programa para escolares desenvolverase integramente na Escola Unitaria de Borneiro. Todos os que acudan alí poderán visitar unha Aula Histórica dos tempos do franquismo cedida polo MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia), así como contemplar unha exposición de imaxes das escolas de Cabana de Bergantiños, visionar un documental do MUPEGA, participar nunha sesión de xogos populares ou recibir un peón de agasallo gravado co escudo do Concello. Xa están concertadas 12 visitas nas que acudirá todo o alumnado do municipio. Desde os máis novos das distintas escolas infantís, pasando polo alumnado de Primaria e Secundaria. En total, presenciarán esta exposición sobre o ensino uns 329 alumnos e alumnas durante os días de entre semana en horario de mañá e tarde.
Para os sábados e domingos, están reservadas as 10 citas do programa por todas as parroquias do concello. O programa artéllase coa lección «As escolas de Cabana de Bergantiños no século XX», coa proxección dun documental do MUPEGA sobre as escolas históricas de Galicia, coa proxección de fotografías e documentos para a memoria do ensino de Cabana de Bergantiños, cunha homenaxe ós ensinantes de cada parroquia do concello, co recreo no que se poderá participar dos «xogos de sempre» e saborear o chocolate da mestra e, por último, con actividades de música ou teatro. Todo este elenco de actividades vinculadas ó ensino terán lugar nos locais sociais das parroquias de Canduas, Cesullas, Anos, Cundíns, O Esto, A Silvarredonda, Corcoesto, Nantón e Riobó a partir das 6 da tarde.
Contactar con todo o profesorado
O Concello de Cabana de Bergantiños pretende localizar a totalidade do profesorado que impartiu aulas en calquera centro académico cabanés desde o ano 1960. Para iso, agradece que este se poña en contacto co departamento de Educación, Cultura e Normalización Lingüística a través do teléfono 981 754 020 a fin de que ninguén falte a estas xornadas de homenaxe ó importante labor que desenvolveron nas aulas cabanesas.Organizador e colaboradores
O Inverno da Memoria está organizado polo departamento de Educación, Cultura e Normalización Lingüística e conta coa colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), do CRA Os Remuíños e do CPI As Revoltas.Programa
Novas relacionadas
- Cabana entre os 8 concellos que perderán 2 concelleiros.
- A Policía Local de Cabana e de Zas estrenan coche.
- Antonio Méndez Farto púxolle letra á muiñeira de Cabana.
Fonte
- Nota de prensa do Departamento de Educación, Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Cabana, da man de Xosé Manuel Varela Varela.