Xoves. 16.05.2024
El tiempo

Antonio Méndez Farto púxolle letra á muiñeira de Cabana

Antonio Méndez Farto púxolle letra á muiñeira de Cabana
A interpretación da muiñeira de Cabana por parte da coral San Martín de Canduas con letra do crego desta parroquia, Antonio Méndez Farto, foi o gran agasallo musical que houbo no Auditorio Municipal durante a tarde do 19 de decembro con motivo da celebración do programa As Nosas Músicas. O Festival serve para abrir o Programa de Nadal por parroquias. Con esta letra a muiñeira de Cabana é máis cabanesa aínda, sobre todo porque nela se recorda a tres importantes músicos que botaron gran parte da súa vida na parroquia de Cesullas: Manuel do Bosque, autor desta muiñeira; Saturnino Cuíñas Lois, inventor do Berro Seco; e José María Álvarez Canto, director de bandas de música. Ademais deste agasallo, Antonio Méndez Farto campou todo guapo na sotana coa medalla de prata do premio Marcial del Adalid que recibiu na Coruña hai escasos meses. Fóra desta dobre anécdota anterior a xornada transcorreu como estaba previsto. Apertura cos gaiteiros da Escola de Música, Iván Lema e Jordi Castro, que acompañador á percusión por Silvana Martínez abriron o programa de actos coa execución dunha polca. Despois foron subindo ó escenario as corais San Martín de Canduas, Homes e Mulleres de Corcoesto e Homes e Mulleres de Cesullas. O peche musical púxoo o Grupo de Iniciación á Música da Escola Municipal cunha divertida e aplaudida interpretación da peza popular O Pirimpimpín, para o que contaron coa colaboración de Jordi Castro á gaita e Iván Lema ó tambor. No peche desta nova xornada de As Nosas Músicas, os concelleiros Perfecto Vázquez e Carlos Allo realizaron a entrega de agasallos de barro de Buño a un representante de cada coral e paquetes de lambonadas para todos os cativos que estaban no Auditorio Municipal.

Novas relacionadas

Comentarios