Luns. 06.05.2024
El tiempo

Os usuari@s e Íntegro, campións olímpicos

Xogos Olimpicos de INTEGRO 1
Os usuari@s e Íntegro, campións olímpicos

O pavillón municipal de Cabana acolleu esta mañá a 2ª edición dos Xogos do Mundo, unha xornada inclusiva organizada pola asociación Íntegro na que participaron máis de 250 persoas con diversidade funcional procedentes de 5 entidades sociais da provincia da Coruña, entre as que figuran Adisbismur, A Creba, Amarai, Misela e Avante, xunto ao alumnado de 6º de educación primaria do CPI As Revoltas, de Cabana de Bergantiños. 

Xogos Olimpicos de INTEGRO 1

Arredor das 11.00 horas, e tras a correspondente recepción de participantes e posterior explicación das dinámicas de xogo, deu comezo un auténtico percorrido intercultural polos cinco continentes no que diversión, aprendizaxe e convivencia foron compañeiros inseparables de viaxe. 

Divididos en varias quendas, os integrantes de cada entidade foron realizando e superando con éxito, moitas risas e sen grandes dificultades as diferentes probas, inspiradas en xogos tan populares e tradicionais como o tres en raia (África), tiro á lata (Oceanía), Gul Tara-lanzamento de pelota (Asia), xogo de culler (Europa) e varrer coa escoba (América). 

A partir das 13.30 horas, procedeuse á entrega de trofeos aos gañadores. O presidente da entidade de Nantón Adolfo López Baña, o tesoureiro Silvestre Couto e o alcalde de Cabana, José Muíño, foron os encargados de outorgar as medallas aos 15 finalistas, tres por continente. López Baña tamén agradeceu a asistencia e participación de todas as entidades ao tempo que destacou a deportividade e compañeirismo dos xogadores/as durante o encontro, subliñando a importancia de realizar eventos desta índole para procurar máis espazos de encontro entre os diferentes centros. 

A xornada rematou con moi bo sabor de boca nas instalacións de Íntegro, ata onde se desprazaron os e as asistentes para gozar dun delicioso xantar e desfrutar dunha tarde de risas, baile e un divertidísimo karaoke. Vémonos o ano que vén!     

Xogos Olimpicos de INTEGRO

 

Comentarios