Veciños de Corcoesto trasladan á Xunta o seu malestar ante o perigo da mina
Veciños e membros da Plataforma pola Defensa de Corcoesto reuníronse onte en Santiago de Compostela co Secretario Xeral da Consellería de Industria, Borja Berea e a Subdirectora Xeral de Recursos Minerais, María José Mijares, para trasladarlle a súa total oposición ao proxecto mineiro.
No transcurso da reunión os veciños afectados expuxeron aos responsables da Consellería a "grave alteración que supón o proxecto para a súa calidade de vida, a perda total do valor do seu patrimonio e o negativo impacto que o proxecto vai ter sobre a riqueza forestal dos seus montes, sobre a paisaxe e o medio ambiente da comarca de Bergantiños". Destacaron que "é inadmisible que se autorice un proxecto que teña previsto deixar en Corcoesto 17 millóns de toneladas de residuos tóxicos sen garantías ambientais suficientes, e cunha balsa de residuos de lixiviados sen encapsular que ocupará 65 hectáreas de monte (1231 ferrados), co conseguinte risco de contaminación das augas soterradas durante centos de anos".
Igualmente salientaron que "o proxecto nin sequera cumpre coa lexislación específica de minas por non estar suficientemente acreditados os recursos existentes, xa que o 80% dos mesmos son inferidos. Isto indica que non se sabe o ouro que hai nos montes polo que consideran que se trata de un proxecto puramente especulativo, e que pode estar comprometida a viabilidade económica do xacemento".
Criticaron tamén que "o proxecto estea sendo tramitado como proxecto industrial estratéxico, cando na fase de exposición pública nin sequera contiña a documentación mínima esixida pola normativa", e defenderon que "este proxecto non é estratéxico para Galicia". Recordaron ademais que "tampouco contiña un estudo arqueolóxico do ámbito do proxecto nin se fixo público o presentado recentemente pola empresa mineira, vulnerándose así o dereito dos cidadáns a coñecer a documentación e a presentar as alegacións pertinentes nos prazos establecidos".
Tamén incidiron "nos fallos de natureza técnica que contén o proxecto que comprometen a seguridade do mesmo e do risco de alteración do sistema hidrolóxico da zona, do río Anllóns e da ría de Cabana, lugares de interese comunitario e especialmente protexidos pola normativa europea".
Por último demandaron da Consellería "o máximo rigor e que se esixa á empresa mineira o estrito cumprimento de toda a normativa aplicable, ao tempo que sinalaron que de autorizarse o proxecto con todos os defectos que presenta, acudirán aos tribunais para paralizalo".
Novas relacionadas
- A loita por Corcoesto amplíase ao eido arqueolóxico.
- A Fiscalía xa investiga a mina de Corcoesto por un presunto delito contra o medio ambiente.
- A mina de ouro: unha mostra de resistencia organizada.
- A loita contra a mina de Corcoesto colle tintes poéticos.
- Xurxo Borrazás tamén di non á Mina de Corcoesto.
- O BNG pide que a mina de Corcoesto non sexa a ceo aberto.
- Ata Galeano denuncia que a Mina de Corcoesto non cumpre a lei.
- O Goberno argumenta no Parlamento que a mina de Corcoesto creará 500 postos de traballo.
- ADEGA considera obsoleta a tecnoloxía da Mina de Ouro de Corcoesto.
- A febre do ouro exténdese a Zas mentres denuncian irregularidades no proxecto de Corcoesto.
- Os fumigadores si andan pola Costa.
- 1.300 sinaturas presentadas contra a Mina de Ouro de Corcoesto.
- A mina de Corcoesto chega ao Parlamento.
- Os veciños da Plataforma de Corcoesto denuncia prácticas intimidatorias do alcalde cabanés.
- Denuncian as falsas expectativas de emprego da mina de ouro de Corcoesto.
- A mentira das palabras máxicas .
- 04-05-12: Creada unha Plataforma contra a Mina de Ouro de Corcoesto.
- 12-03-12: Accidente laboral na mina de ouro Corcoesto.
- ADEGA espera para valorar o impacto da Mina de ouro de Corcoesto e enfróntase con La Voz.
- A mina de ouro de Corcoesto axiliza a súa posta en marcha co apoio das administracións e oposición dos ecoloxistas.
- O ouro de Corcoesto non brilla tanto.
Fonte
- Nota de prensa da Plataforma pola Defensa de Corcoesto.