luns. 14.07.2025
El tiempo

Viaxe no tempo na Cibdá de Borneiro

DSC00018
Viaxe no tempo na Cibdá de Borneiro

Borneiro vibrou esta tarde co regreso do Castro Animado, unha festa xa consolidada que ofreceu unha xornada chea de música, arte e gastronomía, facendo revivir o espírito da Idade do Ferro. Dende primeira hora da tarde houbo encontros entre os habitantes doutros castros convidados, que non quixeron perder esta cita coa tradición.

O público asistente gozou dunha ampla oferta gastronómica, con degustacións de produtos típicos da zona, xeados artesáns e refrescantes bebidas castrexas, nun ambiente marcado polos aromas e sabores autóctonos. Durante toda a tarde, as demostracións de cerámica e artesanía tradicional foron un dos grandes atractivos, ofrecendo ao público a posibilidade de descubrir e adquirir pezas únicas elaboradas de xeito artesanal.

DSC00019

A festa estivo tamén cargada de diversión e animación, cunha variada programación que incluíu xogos populares, a música da banda de gaitas O Son do Castro e as visitas teatralizadas de Yago Espasandín, que conquistaron ao público con historias e personaxes do pasado. Un dos momentos máis agardados foi o espectáculo aéreo de circo e teatro de Sue Moreno 4.0.

Ao caer a noite, a celebración continuou cunhadegustación de churrasco, seguida dunha verbena que animou a todos a bailar ao ritmo das diferentes agrupacións musicais participantes. Como colofón, non faltou o tradicional ritual da queimada, que puxo o broche máxico a unha xornada inesquecible.

DSC00108
DSC00034
DSC00029

 

Comentarios