30 mozos de 4 concellos deseñan o seu futuro laboral con prácticas empresariais
14:04 24/09/15
Mozos costeiros nas prácticas empresariais
Boa é a experiencia que están tendo 30 rapaces e rapazas da zona. Teñen entre os 14 e os 17 anos, e xa están realizando a súa primeira experiencia profesional. Fano a través da primeira edición do proxecto “O Noso Futuro na Costa da Morte”, unha iniciativa promovida dende a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia e á que se acolleron os Concellos de Camariñas, Mazaricos, Muxía e Vimianzo. Este proxecto finaliza este sábado coa clausura, onde os mozos compartirán as súas sensacións.
Estas prácticas en empresas da zona permítelles achegarse á realidade socio-laboral e empresarial da súa contorna e, ao mesmo tempo, ir pensando cara a onde queren enfocar o seu futuro profesional.
Un total de 18 de empresas de diferentes tipoloxías e pertencentes a diferentes sectores -o gandeiro, o de ocio e tempo libre, o da electricidade, o téxtil, o da distribución, o sanitario, o hosteleiro etc.- colaboraron neste proxecto de forma totalmente altruísta xa que permitiron que os rapaces e rapazas experimentasen de primeira man que é estar nun negocio, como é atender o público, como se tramitan pedidos, como se reparte material etc. Califican esta experiencia de moi satisfactoria, tanto os participantes como as empresas colaboradoras.
Este sábado xuntaranse de novo todos estes rapaces e rapazas en dúas visitas a empresas participantes (Naturmaz ás 10:00 h e SAT Busto Corzón ás 11:00h) e nunha divertida xornada de formación na Casa da Cultura de Vimianzo, que rematará ás 19:00.
Nesta xornada realizarase tamén a entrega de diplomas por parte dos Alcaldes dos Concellos participantes e contarase coa presenza da Directora Xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez.
Cómpre salientar a colaboración das empresas Geriatros, Santitel Video Láser, Agrícola Benedicto e Amigos do Liño en Vimianzo, Supermecado Día, Restaurante O Meu Lar, Calzados Silvia, Distribucións O Vilán, Kerubín, Lady Xul e Bar O Curbeiro en Camariñas, Naturmaz e SAT Busto Corzón en Mazaricos así como o Albergue @Muxía, Casa Ceferinos, Casa Fontequeiroso, Electricidade Mouzo e Eléctrica Caamaño en Muxía.
Máis información
Novas relacionadas
- O Obradoiro de emprego fisterrán deixa a súa pegada dixital no Camiño.
- QPC como exemplo de experiencia empresarial para os alumnos do Obradoiro de Emprego.
- Os alumnos do Obradoiro de Emprego fisterrán soben ás alturas.
- Un obradoiro de Emprego para 20 desempregados permitirá adecentar o Camiño en Cee, Corcubión e Fisterra.
- 22 mozos soneiráns completaron o Obradoiro comarcal de Emprego e Formación.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).