Vernes. 19.04.2019
El tiempo

A Casa pechada de Man

A Casa pechada de Man

Hai xa case 3 anos que o Concello camariñán anunciaba que a Casa da Cultura de Camelle estaba provista con rede wifi para uso público. Ese espazo de formigón que tanto lle prestaría ao Manfred Gnädinger (lembren que a casa da cultura tamén se chama Casa de Man) é o único espazo público onde a veciñanza se pode conectar á internet, tan necesaria nestes tempos. Numerosos veciños, sobre todo os máis novos, achegábanse para facer os seus deberes, navegar, xogar en rede… Pero segundo nos contan dende o BNG camariñán, a cousa non é tan sinxela, e nos últimos tempos non todo o mundo ten acceso á aula de ordenadores.

Denuncian directamente que "a Casa da Cultura de Camelle é un clube privado do PSOE". O grupo da oposición, que vén de escoller ao seu novo volceiro local, asegura que non hai conserxe nin encargado, e só poden entrar quen teñen as chaves e poden acceder ao edificio. Afirman dende a oposición que tan só "algún particular" e "unhas palilleiras, afiliadas ao partido de goberno" segundo o BNG, utilizan unha sala que estaba destinada a cafetería no andar de abaixo.
"A biblioteca", afirman, "sempre está pechada", pois por aló estaban os cativos que querían utilizar a internet pero ao parecer, "estorbaban" e a mellor solución que propuxo o Concello foi deixar pechada a porta principal do edificio aínda que as propias palilleiras estiveran dentro, "deixando ao pobo sen a pouca conexion que tiña a internet", segundo denuncia o BNG.

Así, mentres a casa da Cultura non está aberta a todos os veciños, os que queren utilizar internet teñen que desprazarse 15 quilómetros, e sen buses, ata a aula de informática da capital municipal.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios