Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A orixe do encaixe na lenda da serea

A orixe do encaixe na lenda da serea
Oscurantismo Fisterrano Libro Oscurantismo Fisterrano de Francisco Ramón y Ballesteros Temos feito varias viaxes históricas arredor do encaixe e hoxe da man de Íñigo Mouzo Riobó trasládámonos ata a súa orixe. Mouzo recolle en historiadegalicia.gal unha lenda extraída do libro “Oscurantismo Finisterrano”, de Francisco Ramón y Ballesteros, na que pon as sereas como grandes creadoras do encaixe. Unha fermosa imaxinación que non deixa de conectar coa realidade, tendo en conta que o encaixe chegou ata Camariñas a través do mar, dalgún intercambio comercial.

A lenda do mariñeiro e a serea, por Íñigo Mouzo

A lenda fala de que en tempos un pescador novo de Camariñas, un bo rapaz, estaba perdidamente namorado dunha costureira, unha das máis fermosas mozas da de toda a contorna. Mais ambos eran tan pobres que a pesares do seu amor non podían pensar en casar. El traballaba arreo, pero nin sequera con esas era quen de cambiar a súa sorte, pois a pesca apenas daba para malvivir e o aforro era case imposible. Ela, cosía día e noite. Durante varios invernos correran temporais tan feros que el case non se puidera saír ó mar, co que a pesares do traballo de ambos os froitos non chegaban. Así co tempo o rapaz comezou a se desesperar, sendo tal a súa inquedanza que nas tardes de mar de de fondo camiñaba desesperado ó pé da costa mirándolle directamente ós ollos ó mar. Sucedeu que unha tarde, botándolle unha mirada de profunda rabia ás ondas, atopou entre elas, mirándolle fronte a fronte, a unha serea. Ela mirouno fixamente e ofreceulle o seu ser a cambio de unir a súa sorte á súa, pois tal era o arroubo e a apostura que vira esta no rapaz. Aquel ser excepcional ofreceulle levalo con ela, se cadra aproveitando a súa desesperanza, mais a forza e a fidelidade do amor do rapaz fixo que non caera no seu encantamento. Un barco a costa El confesoulle o seu amor e a súa triste fortuna, e ela non tivo máis remedio que deixalo ir. Mais vendo a súa triste ollada, e as magoas da súa sorte, antes de deixalo marchar regaloulle unha unha curiosa caramuxa. El aceptouna agradecido, sen saber en que podía axudarlle aquela singular cuncha á súa sorte. Mais a fermosa caramuxa levaba a escuma do mar tallada no seu caparazón, as ondas e o reflexo das estrelas. O rapaz entregoulla á súa namorada, e ela inspirouse na decoración daquela singular reliquia do mar para tecer o encaixe de Camariñas. Unha viaxe polo mar Mais non é a única das lendas que se contan do encaixe de Camariñas. A outra lenda de sona sobre el está tamén no mar. Cóntase que entre as moitos barcos que pasaron fronte a costa de Soneira, nunha noite de temporal, un deles, segundo a versión procedente de Flandes ou Italia, encallou na costa preto da vila, quedando a tripulación a mercede dos seus habitantes. Estes non dubidaron en rescatalos, darlle comida e pousada a todos os que conseguiron sobrevivir. Entre eles viaxaba unha muller que coñecía as artes do encaixe. En agradecemento ensinou a palillar ás mulleres da vila. Sexa como for, os investigadores sobre o tema sitúan a orixe do encaixe no mar, nos intensos intercambios comerciais que a costa galega tivo de sempre con diferentes lugares de Europa. A comezos da Idade Moderna, lugares coma o norte de Italia, Francia ou os Países Baixos eran xa grandes produtores de encaixe, mentres Galicia era un gran produtor de tecido de liño durante a Idade Media. Seguramente na comunicación marítima entre todos eles o encaixe recalou entre as xentes da costa galega, conservándose dende aquela en lugares como Camariñas, as Rías Baixas ou Viveiro.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/o-cartel-da-xxvii-mostra-do-encaixe-devolvenos-a-camarinas-de-1912/

Fonte

Comentarios