Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Xunta confirma ao Comité que non acepta a proposta da venda das Centrais

A Xunta confirma ao Comité que non acepta a proposta da venda das Centrais
Imaxe da manifestacion de Compostela-Foto-Rafa Quintans A mobilización social volveu ser chave para conseguir a non segregación de actividades-Foto-Rafa Quintans Por fin chegou a nova. Non de forma oficial, pero si de xeito informal. O Conselleiro de Economía, Empleo e Industria, Francisco Conde López, vén de chamar aos alcaldes da comarca e ao presidente do Comité de Empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroléctricas, para trasladarlle que a resposta de Augas de Galicia á petición da empresa da segregación das actividades de produción hidroeléctrica e de ferroaliaxes é negativa. Unha nova que enche de satisfacción aos traballadores da fábrica que poden cantar en clave de realidade o lema de “As Centrais non se venden”. ”Creo que xa podemos celebrar algo”, recoñecen con satisfacción dende o Comité, tras ano e medio de loita. Unha nova demostración de que a mobilización social é chave para conseguir manter a dignidade. Nos próximos días o Conselleiro reunirase co Comité para facer oficial a negativa da Xunta á proposta do grupo Ferroglobe de segregar as actividades de produción hidroeléctrica e produción de ferroaliaxes. Unha segregación necesaria para realizar a venda das centrais que o grupo ten en todo estado, entre as que se atopan as dos ríos Xallas e Grande. Unha segregación e venda que ía en contra da concesión que a propia Xunta outorgara no seu día, e por iso era a Xunta a encargada de impedir unha operación que podería ter provocado o peche progresivo da única industria da Costa da Morte. Ao medio día deste mércores 26 de xullo, a Xunta enviaba este comunicado aos medios.

Nota da Consellería

A Xunta informou hoxe aos alcaldes e aos representantes dos traballadores nas fábricas de Ferroatlántica en Galicia da decisión de denegar a solicitude presentada pola compañía. Tras avaliar polo miúdo a documentación, ditaminouse que a solicitude non cumpría cos requisitos necesarios que fixa a lexislación para eliminar a condición esencial prevista na concesión, que consiste fundamentalmente en garantir o mantemento da actividade industrial. Con esta decisión, a Xunta, a través de Augas de Galicia, está a cumprir os compromisos adquiridos desde o primeiro momento e sen variar o seu posicionamento: estar ao lado da lei, respectando o principio de legalidade; e salvagardar o interese público da concesión, que neste caso en concreto está determinado pola continuidade da actividade industrial na comarca da Costa da Morte. Dentro da aposta da Xunta por ofrecer a máxima transparencia e un diálogo permanente, o Goberno galego púxose hoxe mesmo en contacto cos alcaldes e cos comités de empresa das plantas coas que conta Ferroatlántica en Galicia para informarlles da resolución. A resolución autónomica, amparada polo informe da Asesoría Xurídica da Xunta, sinala que a través do proceso plantexado pola empresa non se dan as condicións necesarias nin se cumpren os requisitos legais para suprimir a condición actualmente vixente na concesión, que ten por finalidade garantir o mantemento da actividade industrial e os postos de traballo na Comunidade, polo que carece das condicións que establece a propia concesión de velar polo interese público. A resolución tivo en conta ademais a argumentación presentada tanto pola empresa como polos representantes dos traballadores nas últimas semanas, cando o expediente se encontraba na fase final da súa tramitación. A Administración autonómica avaliou polo miúdo estas alegacións, actuando coa máxima responsabilidade e sendo o máis garantista posible durante todo o procedemento. Valoracións do Comité de Empresa Para o Comité de Ferroatlántica a nova recibida hoxe "vén dar á razón aos argumentos defendidos polos traballadores e traballadoras que, dende hai dez meses, están desenvolvendo unha loita histórica contra a espoliación dos nosos recursos, en defensa dos empregos e o futuro da comarca", sinalan nun comunicado de prensa. Segundo indican os representantes dos traballadores, a negativa de Augas de Galiza confirma "que as pretensións do Grupo Villar Mir son ilegais, por máis que a empresa buscara lexitimar social e xuridicamente esta operación, recorrendo mesmo a prácticas de tipo mafioso. Non é posíbel, e así o defendemos dende o primeiro momento, desvincular a produción enerxética da produción de ferroaliaxes, pois esta unidade é a única garantía do interese público: do mantemento dos empregos, da industrialización da comarca e da actividade nas factorías de Cee e Dumbría", indican. Para a historia quedan as multitudinarias manifestacións do 10 de marzo en Cee e do pasado 8 de xullo en Santiago de Compostela, nas que miles de veciños e veciñas amosaron con rotundidade o rexeito á segregación e venda das nosas centrais. Á espera de coñecer os pormenores da resolución de Augas de Galiza, o Comité non pode deixar de lamentar a demora na resposta da Xunta "nunha cuestión na que a legalidade era ben clara, prorrogando innecesariamente a inquedanza e a preocupación dos traballadores e traballadoras". Por outra banda, dende o Comité de Empresa esperan que esta resolución denegatoria aclare definitivamente que non existe marco legal para que a empresa poida levar adiante a segregación de actividades. "Agardamos que a resolución sexa precisa neste sentido para que non se volva repetir unha situación similar no futuro",reiteran os representantes dos traballadores. Reaccións políticas Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG - Ana Pontón - parabenizou en nome do BNG a todos os traballadores e traballadoras das plantas de Ferroatlántica en CEE e Dumbría, aos alcaldes, a Costa da Morte e a todas as persoas que se mobilizaron durante meses en contra da pretensión de venta ilegal das centrais dos Ríos Xallas e Grande por parte de Villar Mir. “Quero parabenizar a todas as persoas que loitaron en defensa do emprego e do futuro desta comarca, das que plantaron a cara a chantaxe que pretendía Villar Mir”, salientou Pontón, visiblemente satisfeita polo resultado desta mobilización social e política. “Estou convencida que sen esa unidade en defensa do país, do emprego, da dignidade da Costa da Morte e de Galiza o resultado sería radicalmente oposto”. A dirixente do Bloque considera que a resolución “da a razón aos que advertimos e denunciamos que se quería cometer unha ilegalidade e tamén que era unha decisión que iba depender da presión política e social que se conseguira exercer”. O BNG pide a remisión inmediata do texto á Cámara galega. Pese a esta vitoria social, Pontón salienta que non é “a última batalla que queda por dar” en relación ás plantas que Ferroatlántica ten na Costa da Morte, cuxa actividade está vinculada á explotación dunhas centrais polas que a multinacional obtén uns beneficios que deben repercutir en Galiza. En Marea Despois de coñecerse a nova, o voceiro de En Marea - Luís Villares - parabenizou aos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica e a toda a Costa da Morte "pois foi a mobilización cidadá a que logrou garantir o futuro de Ferroatlántica e evitar o expolio dos recursos naturais da comarca". "A situación dende o punto de vista xurídico foi clara dende o primeiro momento", defendeu Villares, para quen "era imposible segregar a produción hidroeléctrica das actividades de ferroaleación porque había un interese xeral en manter unha actividade unida a outra para manter os postos de traballo, que non quedaba garantido coa segregación", suliñou Villares. Sobre a nova da Xunta, tamén falou a portavoz do PP en Cee - Zaira Rodríguez - quen se mostrou "contenta e satisfeita" polo que considera unha "noticia importante e fundamental" para o emprego e o futuro económico da comarca. "O presidente da Xunta comprometeuse a estar sempre ao lado da lei, respetar o principio de legalidade e salvagardar o interese público da concesión", sinalou Zaira Rodríguez.

Novas do #CasoFerroatlántica

Artigos relacionados

 

Fonte

Comentarios