A Xustiza une ao PP e ao PSOE
Curiosas son estes días as reaccións dos grupos de PP e PSOE ante a dimisión de Conde Roa (tan comentado nas últimas semanas pola censura de Leo Bassi) á fronte do goberno de Santiago de Compostela polos seus problemas coa xustiza. E curiosamente os problemas coa xustiza unen aos dous partidos na nosa bisbarra, pois 5 dos 11 aínda alcaldes imputados pertencen á Costa da Morte: os populares José Manuel Traba (alcalde de Fisterra) e José Manuel Santos (Mazaricos); e os socialistas Francisco Lema Fuentes (alcalde de Corcubión, Manuel Valeriano (Camariñas) e Félix Porto (Muxía). Témolos a eito, que xa dicía José Luís Louzán, i é que en alcaldes imputados somos unha potencia.
O asunto está sendo utilizado estes días por uns e outros. O PSOE esixiu a dimisión de Conde Roa, ao que respostaba o propio Partido Popular instando ao alcalde de Camariñas a seguir os pasos do ex alcalde santiagués.
Hoxe volve o PP á carga, pedindo tamén a dimisión do alcalde de Muxía, Félix Porto. O PP de Muxía recorda que "o alcalde segue tendo contas pendentes coa Xustiza".
Pero o PSOE tamén ataca, e lembra dende Camariñas as imputacións do voceiro local do PP Daniel Rego. O PSOE camariñán lembra as imputacións á empresa Viproga, sociedade dirixida polo propio Rego, e ademais non quere esquecer o problema co Club Náutico.
Novas relacionadas
- O PP de Camariñas pide ao alcalde que dimita como Conde Roa.
- O Club Náutico de Camariñas abre accións xudiciais contra a ex concesionaria do Bar.
- Un novo alcalde imputado na Operación Orquesta.
- Verdades: Témolos a eito.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Notas de prensa do PP e do PSOE.