O alumnado do IES Pedra da Aguia recordan a nosa cultura coa “Ruta dos naufraxios”
- Os cursantes de 4º E.S.O desprazárose a vila de Camelle para levar a cabo unha ruta preparada por eles mesmos e así conmemorar os naufraxios da zona e pór valor a nosa cultura.

O pasado venres, os alumnos do IES Pedra da Aguia desprazáronse ata a vila Costeira de Camelle para levar a cabo
unha “Ruta dos Naufraxios” , previamente preparada na clase, e que estaba prevista, para servir como divulgación dos contidos relacionados cos naufraxios da nosa costa de cara as persoas alleas á institución que alí quixesen achegarse.
A ruta comezou no coído de Sabadelle, onde se falou sobre o valor da costa de Camelle e onde se deron as indicacións
necesarias relacionadas coa seguridade vial para un bo transcurso da ruta.
Tralas aclaracións iniciais, a ruta seguiu o seu camiño ata o Palco da Música de Camelle, onde se levou a cabo un
“Mercado do Mar” para reivindicar os restos que o mar trae á nosa costa.
Despois disto, a seguinte parada foi a Igrexa do Santo Espírito, onde foi realizada unha teatralización e unha lectura informativa sobre a relación desta cos naufraxios.
A ruta seguiu parando na Áncora, lugar onde se levou a cabo unha ofrenda aos náufragos con flores, música tradicional e
recitado de poemas sobre o tema, un deles escrito por un dos alumnos.
A continuación, os integrantes dirixíronse á Casa de Man para falar do Prestige, da antiga Pedra do Porto de Camelle e para poñer en valor as obras literarias acerca do artista anacoreta da localidade.
Para proseguir falando da vida desta persoaxe, a ruta seguiu no Museo Man, onde os alí achegados recibiron unha visita guiada pola parte dedicada a Manfred.
No mesmo lugar, os asistentes visitaron o Museo dos Naufraxios, onde un alumno e Manolo do Canle, o guía e un dos
fundadores deste museo, contaron un pouco acerca de todas as pezas e historias que alí están recollidas.
Para finalizar a ruta, tomouse como escenario a antiga pista de baloncesto do porto de Camelle para realizar unha
pasaxe de modelos en conmemoración dos naufraxios da vila, seguida doutra ofrenda musical con cancións e gaitas
como clausura do evento.
Sen dúbida, a celebración deste tipo de actividades é moi importante para poder poñer en valor a cultura da nosa terra e
para conmemorar as desgrazas e historias ocorridas nesta mesma.
- Nota de prensa realizada polo alumnado do IES Pedra da Aguia