Arrincou a folga nas piscifactorías de Stolt

Mentres os alcaldes dos concellos afectados, e unha representación do Comité, se reunían ca Xunta para intentar mediar entre traballadores e Dirección da empresa multinacional Stolt Sea Farm, arrincaba o primeiro día de folga. A de onte e a de hoxe serán as dúas xornadas de parón convocado polo Comité de Empresa e a visión do seguemento é radicalmente contraria.

Os sindicatos aseguran que "practicamente o 100% do cadro de persoal secundou este xoves a primeira das dúas xornadas de folga". Dende a empresa coméntannos que "durante este primeiro día de folga, foron 38 as persoas que fixeron folga, dun total de 205 traballadores no seis centros da empresa. A maioría de Lira e Couso". A segunda xornada de folga nas factorías de Stolt Sea Farm da Costa da Morte e Barbanza rexistrou, segundo o Comité "un amplo seguimento, que supera o 80%, similar ao do primeiro día de folga".
Sen embargo, segundo a empresa, o "seguemento no segundo día de folga foi menor, xa que algúns dos traballadores que non viñeron traballar onte si o fixeron hoxe e non se sumou ninguén máis. O seguimento foi hoxe por tanto do 17%". Ademais, destacan que o venres "volveu haber piquetes queimando rodas e tirando petardos pola mañá en Lira, pero a Garda Civil permitiu que uns 40 dos 55 traballadores de Lira esteamos a traballar sen problemas tamén hoxe".

O comité arrincaba a protesta criticando os "abusivos servizos mínimos impostos pola empresa e das tentativas da dirección de desmobilizar e presionar aos traballadores/as para que non secundasen o paro". De feito, houbo un dispositivo da Garda Civil que dende a CIG consideraron "desproporcionado" e mesmo "lamentable".
Sobre as reivindicacións do persoal, Santos Canosa lembrou que "este conflito non deriva de cuestións económicas e de incrementos salariais, senón que os traballadores/as só demandan garantías de estabilidade das actuais condicións así como de mantemento dos niveis de emprego. Demandas que se producen nunha compañía que, reiterou, ten substancias beneficios e nos últimos anos obtivo importantes axudas públicas para a súa instalación e o desenvolvemento da súa actividade".

Pola súa banda, a dirección reitera que "non ten sentido esta mobilización que se di que é para o mantemento do emprego cando en realidade o último despedimento ocorreu fai tres anos".

Ruptura das negociacións

A convocatoria de folga, lembrou o responsable da CIG Xabier Santos Canosa, chega "logo da ruptura unilateral das negociacións por parte da compañía, que pretende eliminar o actual convenio de empresa e aplicar duros recortes nas condicións laborais e salariais do persoal", sinala.
Indican que o sindicato espera chegar a “un acordo ao que levamos abertos dende o inicio”, reiterou.

Reunión coas consellarías de Traballo e Pesca

Coincidindo coa primeira xornada de folga, representantes dos traballadores/as, xunto cos alcaldes de Carnota e Muxía, tiveron unha xuntanza en Compostela co Director Xeral de Pesca e o Director Xeral de Traballo para demandar a implicación inmediata da administración galega e a apertura dunha mesa de negociacións ampla na que teñan representación todas as partes. Dende a Xunta comprometéronse a iniciar contactos coa empresa neste sentido, co obxectivo de abrir vías de diálogo.

A Inspección de Traballo

Por outra banda, no día de onte, ambas partes reuníronse coa Inspección de Traballo para tratar a denuncia presentada pola representación social contra a empresa, logo da denuncia presentada polo Comité por considerar que "a empresa pretendese condicionar á participación na folga a través dun comunicado no que ameazaba aos traballadores/as con consecuencias no emprego".

Segundo a CIG "a inspectora constatou que, efectivamente, con esta comunicación, a compañía está a vulnerar un dereito fundamental e entende que houbo ameazas e coaccións para que os traballadores/as non acudan á folga, polo que non deu validez ao escrito posterior remitido pola dirección".

Novas xornadas de folga

Á espera dunha posible convocatoria de reunión e do que dean de si as xestións da administración galega, a folga continua hoxe, venres, e "de non producírense avances haberá novas xornadas de paro os días 19 e 20 de decembro", aseguran dende o comité.

Novas relacionadas co convenio de Stolt

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).