Os alcaldes piden á Xunta que interveña no conflito laboral de Stolt


Segue sendo o conflito laboral de Stolt Sea Farm un problema social a nivel comarcal. E así o demostra o feito de que os alcades dos concellos con con piscifactorías da firma multinacional se amosen tan preocupados. I é que falamos dunha das empresas con máis traballadores da zona.
Hoxe, tralo anuncio do Comité de Stolt Sea Farm da folga de decembro, os alcaldes de Carnota, Camariñas e Muxía queren trasladar á opinión pública a súa "preocupación polas consecuencias sociais que pode xerar a ruptura das negociacións para o convenio colectivo entre a dirección de Stolt Sea Farm e o Comité de empresa".
Sen máis, deixámosvos co comunicado dos 3 alcades, un do BNG e dous do PSdG, no que instan á Xunta a mediar.
Comunicado de prensa dos alcaldes de Carnota, Camariñas e Muxía sobre o caso Stolt
Os alcaldes de Carnota, Camariñas e Muxía queren trasladar á opinión pública a preocupación polas consecuencias sociais que pode xerar a ruptura das negociacións para o convenio colectivo entre a dirección de Stolt Sea Farm e o Comité de empresa.
Por iso, dende a responsabilidade, os alcaldes instan á Consellaría do Medio Rural e do Mar e á Consellaría de Traballo a implicarse de xeito inmediato no conflito laboral rexistrado nesta empresa, co obxectivo de evitar un conflito socio-laboral nos centros de traballo que Stolt Sea Farm ten na Costa da Morte.
Os representantes dos tres Concellos chaman á Xunta de Galicia a convocar con urxencia unha reunión na que teñan presenza todas as partes implicadas (empresa, representación sindical, consellarías e concellos afectados) para retomar a senda do diálogo e buscar unha saída negociada que impida un conflito socio-laboral, a todas luces evitable e que non resulta beneficioso para ningunha das partes.
Sendo conscientes dos beneficios que a instalación destas plantas supoñen para o desenvolvemento económico e social da zona, tamén existe unha fonda preocupación nos gobernos municipais polas consecuencias que as decisións desta empresa da acuicultura poidan ter no mantemento dos empregos e nas condicións de traballo e, polo tanto, na consecución dunhas condicións de vida dignas para os veciños e veciñas.
Por todo isto, anímase á empresa a practicar un exercicio de responsabilidade para fomentar o entendemento, especialmente tendo en conta que non existen causas obxectivas que xustifiquen as medidas de axuste que se pretenden aplicar, e sen esquecer as facilidades administrativas que até agora se lle ofreceron para a instalación das plantas en terreos privilexiados do noso litoral, así como as axudas públicas recibidas para o desenvolvemento da actividade económica.
Novas relacionadas co convenio de Stolt
- 25-11-13: O Comité de Stolt Sea Farm convoca unha folga para decembro.
- De axudas e postos de traballo nas piscifactorías.
- Os traballadores despedidos de Carnota critican a doble moral do alcalde.
- Tempo de conflitos laborais en Carnota.
- 11-11-13: Os sindicatos de Stolt reúnense cos alcaldes de Carnota, Camariñas e Muxía.
- 17-10-13: O Comité de Empresa de Stolt solicita unha arbitraxe para clarexar o convenio.
- 14-10-13: Parálise na negociación do Convenio de Stolt.
- 03-10-13: O Convenio Colectivo á exame nas piscifactorías de Stolt.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).