mércores. 01.04.2026
El tiempo

As Palilleiras xa teñen o seu paseo no rueiro de Camariñas

PLENO CAMARIÑAS na Mostra
As Palilleiras xa teñen o seu paseo no rueiro de Camariñas
Histórico pleno extraordinario o vivido esta mañá no pavillón Víctor Vigo, como antelasa ao completísimo programa da 35ª Mostra do Encaixe de Camariñas.  A corporación municipal aprobou a modificación da denominación da actual Avenida Ambrosio Feijoo (o paseo da vila), que a partir de hoxe pasará a chamarse de xeito oficial Avenida das Palilleiras.

O goberno local promoveu este cambio en cumprimento da normativa vixente en materia de memoria democrática, co fin de "adecuar o rueiro municipal aos principios de respecto, convivencia e recoñecemento dos valores democráticos". Con todo, a medida transcende o trámite administrativo para converterse na "expresión dun recoñecemento institucional e colectivo a todas as mulleres que, co seu traballo silencioso, constante e cheo de mestría, foron e son o corazón da identidade de Camariñas".

No seu discurso de peche da sesión plenaria, a alcaldesa dirixiuse directamente ás palilleiras presentes no pavillón Víctor Vigo para poñer en valor a inmensidade do seu legado: "durante séculos, o voso traballo foi silencioso, moitas veces invisible e case sempre feito de portas para dentro, á luz dunha candea ou á beira da xanela. Pero con eses palillos, con eses piques e con ese fío, non só axudastes a sacar adiante ás vosas familias nos tempos máis duros; axudastes a levantar Camariñas. Vós puxestes o noso nome no mapa do mundo".

A xustificación oficial do cambio de rueiro salienta que as artesás representan moito máis ca unha tradición; son "memoria viva, transmisión de saberes entre xeracións, orgullo e o símbolo máis auténtico dunha vila que soubo facer do encaixe un sinal de identidade universal".

A rexedora incidiu na forte carga simbólica de rebautizar a vía: "cambiar esta denominación é un acto de xustiza histórica, de dignidade e de reivindicación feminista. A partir de hoxe, unha das principais rúas do noso pobo levará o voso nome. E cando as nosas nenas e nenos paseen por ela, cando vexan esa placa, saberán que a verdadeira grandeza e a historia de Camariñas escríbese en feminino".

Máis info

 

Comentarios