Unha camariñá pide cita para a matrona, danlle cita en Vimianzo onde non a atenden por non ser do Concello
O que pasa cada verán co servizo de atención primaria da sanidade pública é de traca. Os recortes, a falta de reposicións de profesionais por mor das baixas, das vacacións, e da falta de compromiso do goberno galego coa sanidade pública, provoca casos esperpénticos como o que denuncia hoxe o BNG de Camariñas, que afirma que "o Sergas está a tomar o pelo” á veciñanza coa atención pediátrica.
Os nacionalistas expoñen o caso dunha usuaria “que pediu cita médica o luns 12 de agosto en Ponte do Porto para a súa crianza e para ela mesma coa matrona, e non foi atendida porque ambos especialistas están de vacacións, polo que foi derivada a Vimianzo, onde lle dixeron que non atenden a pacientes que non sexan do seu concello”.
Ademais, o grupo sinala que desde o centro de saúde de Vimianzo trasladaron á afectada “que son os usuarios os que teñen que forzar ao centro médico de Camariñas para ser atendidos”.
O voceiro do BNG na localidade, Xurxo Rodríguez, manifestou que “o prometido polo Servizo Galego de Saúde ao principio de verán sobre a pediatría era todo mentira e volven a facer das súas”, e remarcou que a Xunta “non fixo caso das demandas da veciñanza, vacilan á xente e nos toman por parvos”.
Lembra que xa houbo diversas protestas polo problema da atención médica en Camariñas e na comarca, e sinalou que as listas de agarda acumulan retrasos considerábeis en moitos centros de saúde.