A Xunta volve excusarse na falta de profesionais para non cubrir as baixas no servizo de pediatría da comarca de Soneira

Coa volta do verán volveron os problemas, intrínsecos lamentablemete dende hai anos, co servizo público de pediatría. Como vén denunciando a oposición e a veciñanza, os Centros de Saúde de Concellos como o de Fisterra, Dumbría, Muxía, ou os da Comarca de Soneira, están tendo serios problemas co persoal.
De aí que a parlamentaria socialista Patricia Iglesias levase o asunto esta pasada mañá de xoves na Comisión 5ª parlamento de Galicia, para esixirlle á Xunta que garanta atención pediátrica en “igualdade de condicións” para a poboación dos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas.
Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade para reclamarlle ao Sergas que cubra de forma urxente a praza de Zas e Camariñas e que substitúa a baixa de Vimianzo “antes de que comece a tempada de verán”. Pediulle ao Sergas que “de vez en cando deberan saír dos despachos e acudir ao terreo para practicar a empatía de proximidade e escoitar á veciñanza”.
Explicou que o Concello de Camariñas leva “anos” sen que se cubra o servizo de Pediatría, cunha praza que a día de hoxe segue sen cubrirse, e era prestado tres días á semana no Centro de Saúde de Camariñas e dous días no da Ponte do Porto por un médico cun título de puericultura.
Ademais, a pediatra do Centro de Saúde de Zas, que se xubilará á volta das súas vacacións, prestaba servizos en días alternos en Baio e Zas. Lembrou que inicialmente os nenos e nenas do Concello de Zas tiñan que acudir a Camariñas pola mañá e a urxencias en Vimianzo pola tarde, pero este último centro asumiu o servizo de toda a comarca logo de que o puericultor de Camariñas fora trasladado ata alí a comezos de mes para cubrir a baixa da pediatra. Esta situación obriga aos pais e nais a desprazarse quilómetros.
As excusas do Sergas
O Director Xeral do Sergas, Alfredo Silva, volveu argumentar o de sempre: “Atopámonos unha gran dificltade para manter o cadro de persoal. O déficit de profesionais o que dificulta a súa contratación. Esa carencia de pediatras afecta ao no conxunto do estado”, asegurou.
Quixo destacar que o Sergas leva 7 anos cubrindo o 100% das prazas posibles, e que dende 2019 aumentáronse nun 35% as prazas formativas, pero non fixo autocrítica para resolver esta hisstórica falta de oferta. ”A lista de substitución é 0, e o noso compromiso é que cando haia candidatos, se poidan facer esas substitucións”, asegurou.
Con todo, deixou claro que é máis complicado cubrir as prazas das zonas rurais, e que as baixas do verán por vacacións tamén dificulta o mantemento do servizo.
Plan de continxencia
Silva asegurou que consensuou un plan de continxencia cos profesionais dos Centro de Saúde de Vimianzo (a cabeceira), Camariñas, Ponte do Porto e Camelle, Zas e o Consultorio de Baio, para que todos os Concellos conten con asistencia.
O Centro de Saúde de Vimianzo centraliza o servizo tendo aberta a atención de luns a venres de 8:00 a 15:00.
En Camariñas, hai servizo 3 días a semana, e tendo o de Vimianzo aberto todos os días.
Finalmente en Zas hai pediatra 2 días á semana en horario de mañá, tendo a posibilidade de acodir a Vimianzo.