Respaldada concentración contra os recortes no servizo de pediatría de Camariñas

Volve o verán e volven os problemas co servizo de pediatría na Costa da Morte. Así o sofren na comarca de Soneira, onde a baixa do puericultor de Vimianzo foi solventada trasladando ao de Camariñas, e provocando que as familias camariñás se teñan que desprazar.
Así o denuncian cunha concentración en favor dunha sanidade pública digna a veciñanza da vila do Encaixe. Unha concentración convocada polo BNG da localidade diante do centro de saúde de Camariñas, á que acodían numerosos veciños, e á que non faltaba a alcaldesa socialista Sandra Insua.
Na concentración, o voceiro do BNG Camariñas, Xurxo Rodríguez, tomou a palabra para sinalar que "necesitamos unha estabilidade e un protocolo a longo prazo para o servizo médico e de pediatría no noso municipio. Non nos cremos as falsas promesas do PP e do Sergas. Precisamos unha atención continuada no tempo e cos mesmos profesionais, aos que apoiamos". Ademais, salientou que “chegado o verán non se cobren baixas quedando un so médico para cubrir mañá e tarde, diminuíndo a calidade do servizo ao sobresaturar ao persoal médico".
No acto participou o deputado do BNG da Costa da Morte no Parlamento Galego, Oscar Insua, que denunciou que a participación da xente na concentración "amosa que existe un problema real co servizo médico e pediátrico que xa vén desde hai anos, e a Xunta non é capaz de darlle solución ao mesmo, demostrando unha nefasta xestión do PP". O deputado nacionalista subliñou que "a xente está farta de non ter un servizo médico axeitado e quere de unha vez por todas existan solucións a este problema".