Camariñas destina o POS+23 a pavimento, gasto corrente e redución de débeda
11:22 26/01/23
Como veñen facendo estes últimos anos os concellos da redonda, pola fácil tramitación que supón, o Concello de Camariñas vai destinar os 306.000 euros do Plan Único a pavimentar rúas e camiños, gasto corrente e redución de débeda, ademais de ampliar tamén o Servizo de Axuda no Fogar. Así o decidirá a maioría socialista no pleno deste venres 27 de febreiro.
As bases do Plan obriga a destinar unha partida a gasto social, pola que o Concello destinara case 50.000€ para ampliar e reforzar o SAF.
O resto das partidas serán:
- 170.996,13 euros para financiar gastos correntes,
- 3.562,42 euros para a redución de débeda con entidades financieiras
- 81.644,32 euros para investimentos, tales como o arranxo das rúas no lugar de Dor, que conta cun orzamento de 30.000 euros; e a reparación do pavimento de pistas no lugar de Trasteiro, en Xaviña, valorada en 51.644,32 euros.
Plan Complementario 2023
Ademais, tamén se leva a pleno a aprobación do Plan Complementario 2023, valorado en total en 544.954,69 euros, e que se destinará a seis proxectos:
- a reforma do parque infantil de Campo da Area (Camelle),
- a reparación do pavimento na rúa Carreira,
- a segunda fase da construción da senda a Lingunde,
- o arranxo e mellora de rúas no lugar de Santa Mariña,
- o arranxo das rúas Fonte e Xunqueira e melloras na rede de saneamento en Ponte do Porto
- a humanización das rúas alcalde Noguera e Médico Tomás Artaza.