Mércores. 08.05.2024
El tiempo
Domingo Guerra
10:41
05/07/22

POS+ 2022

Os ingresos por transferencias e subvencións que as diferentes administracións (estatal, autonómica e provincial) achegan aos nosos concellos –como xa temos comentado neste espazo–, constitúen unha fonte de financiamento significativa para as arcas municipais. De feito, a suma das transferencias correntes e de capital superan o 40% dos ingresos totais, converténdose, por tanto, no recurso máis relevante (xunto cos tributos propios) do orzamento.

Pois ben, hoxe, queremos referirnos a un tipo concreto de transferencia: a procedente do plan de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal que a Deputación da Coruña destina á totalidade de municipios da provincia. Trátase do Plan único de Concellos tamén coñecido como POS+ 2022, que foi aprobado recentemente (a véspera de San Xoán), polo Pleno da corporación provincial, e prevé investimentos por preto de 90 millóns de euros nos 93 concellos coruñeses.

Este plan mellora versións anteriores. Primeiro, porque racionaliza o seu contido. É dicir, agrupa diferentes liñas de axudas nun único plan, simplificando trámites administrativos que todos agradecemos. En segundo lugar, porque obxectiva o seu reparto ao considerar determinadas variables como o número de habitantes, extensión territorial, número de parroquias e esforzo fiscal de cada concello, garantindo que a distribución se realice en base a criterios previamente establecidos, transparentes e obxectivos.

Pero é que, ademais, e iso é o matiz novidoso que se quere resaltar, permítese que parte deses fondos (14,5 millóns de euros), se destinen a gastos correntes, como por exemplo a facturas de enerxía eléctrica, de combustibles, de determinadas subministracións, etc., cuxo prezo actual, ao igual que lle sucede ás familias e ás empresas, tamén está afectando moito aos concellos.

En definitiva, con este plan, observamos a mellora da eficiencia na súa configuración, a transparencia no reparto de axudas e, tamén, a colaboración institucional para corrixir desequilibrios derivados de momentos puntuais que convén mitigar. Este é o camiño para que se deixe de mendigar subvencións, para que desapareza o clientelismo político, o paternalismo, e para asentar comportamentos básicos de calquera sociedade democrática, que desterren pretéritos comportamentos denunciados por moitos de nós.

Novas relacionadas

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios