Camariñas esixe ao Sergas unha solución urxente ante a ausencia de servizo de pediatría

Eterno problema o do servizo de pediatría na Costa da Morte. Ata o punto que a propia alcaldesa, Sandra Insua, sae á voz púiblica despois de transmitirlle ao Xerente da Área Sanitaria, Luís Verdes, o seu malestar e a preocupación da veciñanza, pola baixa do facultativo nestes últimos días.
A propia veciñanza denunciaba ter que recorrer á sanidade privada xa que “en Camariñas non hai pediatra e en Vimianzo non nos poden atender porque agora mesmo están saturados, algún veciño incluso chegou a ir ata Negreira para que o seu fillo puidese ser atendido”.
Explica Sandra Insua que “esta situación non pode permitirse, outra vez máis o desmantelamento da sanidade pública está afectando a municipios como o noso” e lembra que “non é a primeira vez que ocorre algo similar, xa no mes de novembro do ano pasado tivemos que solicitar que se recuperase o servizo e no 2019 loitamos para que Camariñas seguise contando con pediatra todos os días durante 4 horas”.
NOVAS SOBRE OS RECORTES EN PEDIATRÍA
- Febreiro 22; Esixen a recuperación do servizo de psiquiatría.
- Febreiro 22: As familias de Dumbría e Muxía volveron saír á rúa tras estar 6 dos últimos 13 meses sen pediatra.
- Álex Peña, o pai muxián que leva os recortes en pediatría polo Camiño.
- Novembro 21: Peregrinación e manifestación para loitar contra os recortes na Sanidade Pública Galega.
- Abril 2021: Un himno na loita por un servizo de pediatría digno.