Camelle acorda buscar financiamento para manter vivo o legado de Man
Este pasado sábado, o Museo de Man de Camelle acollía un interesante foro sobre o legado de Man de Camelle. Unha xornada organizada por APTCM que serviu para debuxar unha folla de ruta para a conservación da obra do artista.
Durante o encontro proxectouse unha presentación fotográfica da obra de Man a cargo de Manolo Pose, veciño de Camelle que retratou a obra de Man durante máis de corenta anos.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou todo o proceso de salvagarda da obra do alemán: a creación da Fundación, a construción do museo, e as labores de catalogación e preservación do seu legado.
Constatouse o deterioro da obra exterior do artista: a difícil recuperación das esculturas e a máis viable das pinturas. Interviñeron artistas da Costa da Morte, como Viki Rivadulla Nando Lestón ou Ali-Baba, que deron o seu punto de vista de como deberían realizarse as tarefas de conservación.
Durante o faladoiro deron o seu parecer numerosos veciños de Camelle, tanto da Asociación de veciños A Pergoliña como particulares. Todos eles na dirección de respectar a vontade do artista de salvagardar a súa obra.
Acordo importante
Despois dun intenso debate chegouse ao acordo, verbalizado pola alcaldesa, de convocar unha reunión coa Asociación de veciños, expertos en xestión do patrimonio e representantes da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, para buscar vías de financiamento e comezar coa recuperación deste magnífico legado.

