Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Camelle e Arou vístense de porto baleeiro no século XVI para o programa cultural do City of Agra

Camelle volcada co City of Agra
Preparándose para a cita
Camelle e Arou vístense de porto baleeiro no século XVI para o programa cultural do City of Agra

Camelle e Arou, vístense de gala esta fin de semana (8, 9 e 10 de xullo) para celebrar a III edición do que xa é por méritos propios, o meirande programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia: “City of Agra: 125 anos na memoria”.

Unha festa que non pode ser outra cousa que un éxito rotundo, dada a completa implicación de todo o pobo.

Camelle co City of Agra
A vila engalánase de porto baleeiro do século XVI

”É fermoso comprobar que, tras longos séculos de historia vencellada co mar, os habitantes do que foi un primixenio porto baleeiro no século XVI e, un referente no mundo do despece e salvamento de barcos cos seus buzos de escafandro, dende o 1898 (ano da creación no abeiro camellán dunha Estación de Salvamento que foi pioneira en Europa), souberon conservar unha gran tradición oral que permitiu ao seu patrimonio marítimo, material e inmaterial”, explica fachendoso Fernando Patricio Cortizo, armadanzas do evento da man da AC Naufraxios Galegos. A entidade leva dende 2019 armando este evento cultural e turístico único, lembrando o cabodano do histórico naufraxio do vapor mercante mixto City of Agra.

Así nos invita Patricio Cortizo: ”Se queredes saber a historia do City of Agra e a da súa tripulación e carga… se queredes saber que fai a campá deste navío no alto do campanario da igrexa do Santo Espírito de Camelle… se queredes saber por que o goberno británico agasallou con tres medallas de prata a tres patróns de Camelle… se queredes saber por que existe un segundo cemiterio de náufragos británicos (o que alberga aos mariñeiros do City of Agra) no actual territorio do Concello de Camariñas, sendo este o único consistorio no mundo que ostenta este “privilexio”… se queredes saber que relación ten a novela, Drácula, con este histórico naufraxio… se queredes saber por que nace aquí o macrotopónimo “Costa de la Muerte” no 1904… se queredes saber por que outros historiadores e colectivos seguimos o rego marcado polo mestre de Camelle, José Baña Heim e da súa magna obra editada no 1980: Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios, e seguimos a pescudar dende hai anos sobre naufraxios en calquera medio documental e, recollendo a imprescindible e xigantesca tradición oral que deles posuimos en Galicia, grazas aos tesouros que custodian os nosos devanceiros nas súas memorias, estades entón a piques de elixir o intre preciso para navegar esta fin de semana até os abeiros do Mar do Espíritu Santo, en Camelle e até a enseada de Xan Ferreiro, en Arou, tras pasar coa vosa quilla por riba das olgas do Agra. Só entón seredes quen de arribar á nosa Ítaca…"

grupo infantil de Baile de Camelle
Grupo infantil de Baile

Programa

Venres 8 de xullo, ás 11 horas, a Feira Mariñeira de Camelle (42 postos confirmados) que voltará ao 1897, será inaugurada no seu paseo marítimo pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, xunto a un nutrido grupo de autoridades arroupados pola propia veciñanza de Camelle, principiando deste xeito a III edición dos actos conmemorativos do naufraxio do vapor escocés City of Agra.
Ás 11.45 horas, inaugurarase a Exposición: City of Agra 125 anos na memoria, que nesta edición e por problemas loxísticos, estará dividida en dous puntos: a sala de maquetas que se expoñerá na cafetaría da Casa de Cultura e o groso dos elementos expositivos no local da AC Naufraxios Galegos, na rúa Principal que tamén será inaugurado para a ocasión.
Á tarde, farase de 19 a 20.30 horas, unha visita guiada á mesma para dar paso ás 21 horas, á entrega de premios do III Concurso de Escafandros Virtuais, dando comezo media hora despois a tan agardada Palillada Teatralizada, no Escenario Teatro.
A xornada lúdico cultural, rematará ás 23.30 cun agardado concerto de SERJ, no Escenario Principal.

Sábado, 9 de xullo. De 9 á 9.45 horas, e na cafetaría da Casa de Cultura (Museo de Man) está fixado o punto de encontro dos participantes do Roteiro animado dos náufragos do Agra, que comezará ás 10.30 no miradoiro das Lobeiras, en Arou, para rematar ás 13.30 no Campo do Santo de Camelle, tras 3,5 kilómetros de percorrido, 12 paradas, sendo 6 delas teatralizadas.
Ao remate deste roteiro coincidirá co comezo ás 14 horas, dunha sardiñada a carón da Casa da Cultura.
Ás 19 horas haberá unha nova visita guiada á exposición, para dar comezo ás 20.30 unha gran Foliada, onde actuarán no Escenario Teatro, os grupos: Baile Camelle, Jolpe de Mar, Abrindo o rejo, Trubisquiña, Vaiche Boa e Mar Devalado.
Ás 22.30 principiará un dos actos máis emotivos e simbólicos de todo o programa cultural: A recreación da Arribada dos náufragos do City of Agra ao porto de Camelle que contará coa fabulosa amenización do grupo O PAU QUE VIRA no Escenario Heroes do Agra que dará paso sobre a medianoite ao concerto estrela de OS MELIDAOS, no Escenario Principal, rematando aquí a xornada do sábado.

Domingo, 10 de xullo. Ás 12.30 horas a comitiva de autoridades, veciñanza, músicos cos nenos e nenas de Camelle, homenaxearán no monumento da áncora do Paseo Marítimo aos náufragos da Costa da Morte. Para seguir co acto de entrega de medallas no Palco da Música, que impoñerá o vicecónsul británico residente na Coruña aos tres patróns de Camelle que tripulaban as correspondentes embarcacións que salvaron a 30 náufragos británicos.
Sobre as 13 horas finalizarán os actos cun pasarrúas de despedida aos náufragos que embarcarán rumbo ao porto da Coruña, a bordo do vapor Pepe da Cía Barbeito.
Xa a tarde e ás 18 horas, abriranse as tres urnas depositadas no posto que a AC Naufraxios Galegos terá na Feira Mariñeira, para coñecer: o establecemento gañador do II Concurso de tapas con especias do City of Agra; a vivenda ou negocio gañador do I Concurso á fachada mariñeira mellor ambientada no século XIX e a gañadora do I Concurso ao posto mellor decorado cun esceario mariñeiro de finais do século XIX. Ás 20 horas clausurarase a Feira Mariñeira e con ela a III edición do meirande programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia: City of Agra. 125 anos na memoria.

Tapas mariñeiras

Os tres días que dura o programa cultural, en horario de 13 a 15.30 horas, poderán degustarse de balde aboando a consumición, as tapas con especias das que sairá a vencedora da II edición deste concurso, nos establecementos de Camelle: Bar Rotterdam, Restaurante Miña nai, Bar O Estanco, Burguer a Molinera (o gañador da I edición) Pub Marítimo e O Colmado d´ Arou.

City Of Agra 2022 Programa

Novas relacionadas

Comentarios