Casas Vellas, a eterna historia do desfalco co patrimonio de Galicia


Canto tesouro agochado temos na Costa da Morte… Ver como rozaduras das marxes dos ríos saquen a relucir antigos muíños, dólmenes sen inventariar e ata petroglifos descoñecidos dan conta do que temos e do que nos falta por coñecer.
Algo semellante acontecía nos montes de Camelle, onde tiña un xacemento inventariado pero sen imaxes. Ata o lugar de Lazo para fotografialo Esteban Petrallo, un dos ponentes das Conversas Atlánticas que se desenvolven estes días na vila camellá en homenaxe a José Baña Heim e a todos os náufragos galegos.
O resultado foi interesante pero algo triste, pois se ben os veciños da aldea afirmaban que existían “tres casas vellas de planta circular con antas nas paredes”, a realidade é que a día de hoxe eses 3 dólmenes están tirados, pois algunhas das súas laxas foron usadas para construír casas, cortes, alpendres e cabanzos, un clásico en Galicia. De aí que o catálogo da Xunta sinale que o seu estado de consevación é “moi malo”. "Será por pedras", que diría aquel...

Mágoa que non sobrevivan en pé estas enormes antes que serviron de agocho tanto na guerra como antes, cando viñan os homes do Norte, como contan as lendas populares.
O xacemento está situado en monte comunal, nun afloramento granítico coñecido como “O Petón dos Carreiriños”, hoxe ocupado por un aereoxenerador do Parque Eólico de Pena Forcada. Precisamente a pista que nos leva dende Lazo (e antes pasando por Xaviña, Brañas Verdes e o Alto das Campeleiras) é o que nos permite a día de hoxe chegar ata alí.
”Ben podían meter un cartel e sinalizar un pouco a zona para informar do que aquí hai e había”, apunta Petrallo. O primeiro, que era fotografíalo lugar, xa está feito.


Novas relacionadas
- Camelle recupera o sentir dos náufragos e homenaxea a Baña Heim.
- Rozadas que descobren patrimonio.
- O Simposio do Megalitismo reclama máis políticas para coidar o patrimonio.
- Descobren un novo dolmen en Vimianzo sen inventariar.
- 2015: Os Vikings invaden a Costa da Morte.
- 2013: Descobren un posible petroglifo en Camelle.
Fonte
- Concello de Vimianzo.