As cifras de visitantes do Faro Vilán demostran o bo pulso do turismo nacional
Apenas un 11% menos de visitantes recibiu o Faro Vilán este pasado mes de xullo de 2020 con respecto ao 2019. Pero é que os datos non son tan malos se os comparamos co 2018, cando o Faro recibía un 30% menos de visitantes que durante este mesmo mes.
Foron máis de 7000 as persoas que visitaron o Faro, unhas cifras que demostran que o turismo está aguantando bastante ben a saída da pandemia.
Turismo nacional
Dende logo, o que está salvando o verán é o turismo nacional. Se o ano era o 50%, este 2020 supón o 97% das visitas. Cómpre destacar que o turismo galego (e da provincia, sobre todo), é o máis habitual, pero apenas tres puntos por riba do turismo madrileño que supón o 35% dos visitantes, seguido dos de Castela e León 12% e Pais Vasco 9%.
Dese 3% de turismo estranxeiro (o ano pasado rondaba a metade), chegou algún ruso, alemán, francés, portugués… Sorprende, dende logo, a pouca afluencia de turista portugués á comarca. Unha oportunidade perdida.
En todo caso, o traballo da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas de seguir mantendo vivo o único Faro da comarca queda fóra de calquera dúbida.
Nova exposición
Do 01 ao 31 de agosto a sala de exposicións acolle unha nova exposición de pintura: «Galicia in Watercolour» de Christopher Loffman. Christopher Loffman naciu en Warwickshire, Inglaterra, onde estudiou Arte e Deseño antes de graduarse e traballar como deseñador industrial en Londres. Agora, xubilado, vive en Camariñas. O seu amor pola paisaxe local, a arquitectura, a vida vexetal e as súas mascotas refléxanse en moitas das pinturas exhibidas na exposición.
O horario de visitas é de 11h a 19h de martes a domingo.