Comeza a ampliación do cemiterio municipal de Camariñas

Houbo pleno onte no Concello de Camariñas, e un dos puntos da orde do día foi unha proposta do grupo de goberno socialista para modificar o regulamento do cemiterio municipal. Un punto que foi aprobado por unanimidade por todos os grupos da corporación municipal e que supón o primeiro paso para logo poder acometer unha necesaria ampliación do camposanto.
“O espazo actual estase esgotando, e é a nosa responsabilidade asegurar que os nosos veciños e veciñas teñan un lugar digno e axeitado para o descanso dos seus seres queridos. Un cemiterio con capacidade suficiente non é só unha cuestión de infraestrutura, é tamén unha cuestión de respecto e servizo público esencial á cidadanía”, explicou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
Para poder levar a cabo esta ampliación de forma efectiva e en consonancia coa normativa vixente, primeiro era imprescindible modificar e actualizar o regulamento do cemiterio municipal. O que está vixente data do ano 2000 e xa non estaba a responder ás necesidades actuais nin á lexislación máis recente, como o Decreto 129/20203, do 31 de agosto, de sanidade mortuoria de Galicia.
Recoñecemento extraxudicial de crédito
Tamén levou a pleno o grupo de goberno un recoñecemento extraxudicial de crédito, para poder afrontar o pago de 95 facturas por un importe de máis de 180.000 euros tralos reparos de intervención. Un punto que saíu aprobado pero co rexeitamento do PP que sinala que hai servizos que se teen que licitar con urxencia, e que "non se debe abusar do contrato menor".
A edil popular Paula Mouzo tamén pediu que arreglen os paneis informativos que están destrozados en Reira, unha rampa de accesos e horarios de apertura dos baños da praia de Lingunde, melloras na zona da Area da Vila, limpeza na zona do Castillo, e mellora na recollida de plástico a cartón
Mouzo tamén se interesou polos contactos do concello coa nova xerencia de industrias Cerdeimar , pola petición veciñal de instalación de badéns en Lingunde e pediu que o goberno local aceleraRA as licitacións pendentes de servizos seguindo as indicacións da Intervención municipal.
Campaña sobre a vivenda
Foi aprobada tamén por unanimidade a moción presentada polo BNG, para instar ao Goberno Local a levar a cabo un estudo e unha campaña de información pública sobre a vivenda no concello, sobre a que se atopa baleira e a que debe ser rehabilitada, e promover a inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en Galiza dos residentes que a precisen.
A moción tiña un segundo punto, que foi retirado da mesma, na que se instaba ao Executivo Local a ceder ao Instituto Galego de Vivenda e Solo parcelas municipais de solo urbano ou urbanizable e edificios para ser rehabilitados, para que dita entidade construíse vivendas de promoción pública en Camariñas. Foi retirado porque o concello non ten dispoñibilidade de ditas parcelas ou edificios municipais para darlle o uso proposto.
Pola súa banda, o edil Xurxo Rodríguez preguntou cando van comezar as obras de mellora da estrada provincial DP-1601; se o goberno local coñece calen son as causas que provocan que a praia de camelle non sexa dispoñible para o baño; como está o servizo da Policía Local e se hai interese en cubrir as prazas.