Xoves. 24.09.2020
El tiempo

Comeza o proceso de restauración dos canóns do Castelo do Soberano

Os canóns que van ser restaurados encontrábanse resgardados no almacén municipal.
Os canóns que van ser restaurados encontrábanse resgardados no almacén municipal.
Comeza o proceso de restauración dos canóns do Castelo do Soberano

O goberno local do Concello de Camariñas encabezado por Sandra Insua continúa a aplicar a súa política de preservación do patrimonio, tanto material como inmaterial. Agora, dá un paso máis ao comezar o proceso de restauración dos canóns do Castelo do Soberano.

Dous dos 5 canóns que se atopaban resgardados no almacén municipal foron recollidos pola empresa pontevedresa contratada polo Concello para levar a cabo os traballos de restauración destes bens considerados dun alto valor patrimonial.

Agora, a empresa fará un traballo de documentación e fotografiado dos canóns para coñecer con exactitude o seu estado de conservación e, posteriormente, poder elaborar unha proposta de intervención coas actuacións necesarias para restaurar os canóns que debe ser aprobada pola Dirección Xeral de Patrimonio antes de comezar a traballar.

CanónsSoberano3

Nese proxecto estará incluído o seu estado actual e as actuacións a seguir para recuperalo completamente, que son: limpeza dos canóns para eliminar a sucidade e a corrosión do ferro, aplicar un tratamento para quitar a sal e, unha vez feito isto, consolidalos e protexelos para que non se deterioren.

O obxectivo é que, proximamente, poidan restaurarse os outros sete canóns restantes pero actualmente por motivos económicos non é posible realizar a actuación ao completo xa que o Concello está a facerse cargo en solitario do financiamento dos traballos.

A alcaldesa, Sandra Insua, amosouse “satisfeita de que por fin poidan comezar a restaurarse estes canóns xa que un dos compromisos que adquirimos como gobernantes é a conservación do noso patrimonio e, claramente, neste sentido estes canóns teñen un alto valor”.

Ademais, expresou o seu desexo de que Patrimonio “non tarde moito en dar luz verde ao proxecto de intervención para poder ter canto antes en Camariñas os canóns” e tamén anunciou que intentará que Patrimonio permita “que poidan lucir no Paseo Marítimo”.

comentarios