Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Completo repaso de actualidade municipal do PP comarcal

Completo repaso de actualidade municipal do PP comarcal
Completo repaso de actualidade municipal do PP comarcal

A directiva provincial do PP mantivo unha reunión comarcal con alcaldes e portavoces dos concellos que compón o Partido Xudicial de Corcubión. Unha xuntanza completa, que servíu para facer un balance dos últimos meses de lexislatura municipal, que chega despois da presentación do Plan Revive da Costa da Morte e da xuntanza comarcal en Bergantiños.

Foi completa a participación no encontro en Cee, ao que acodiron dende o secretario provincial do PP de Diego Calvo e o secretario de organización, José Manuel Álvarez-Campana, ata a propia Belén Do Campo, ademais dos representantes populares dos concellos do Partido Xudicial de Corcubión (Fisterra, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Muxía, Vimianzo e Zas).

Tiveron tempo de enviarlle recados á oposición: "en fronte temos a dous partidos que están pensando noutras cousas. Por unha banda, un BNG do que cada día saen novas escisións e cuxos concelleiras; e polo outro, un PSOE (...) que intenta resolver nas rúas o que non souberon transmitir nas urnas, ás veces ata usando a escolares", recordou Calvo, en referencia ao sucedido en Muxía referente ao Parador.

Parador si, Piscifactoría en Touriñán non

Precisamente, sobre o Parador, o secretario provincial tamén quixo facerse eco do tallante "si ou si" que fai poucos días declarou o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, o cal comprometeuse a construír o parador nesta lexislatura por mor dunha petición do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
A súa construción era unha das grandes apostas, "xunto con outras que xa non se van a poder facer porque outros as deixaron escapar", comentou, en recordo da piscifactoría de Touriñán que acabou instalándose en Portugal. "Iso xa non o podemos recuperar", dixo Calvo a pesar dos últimos movementos piscícolas.

Mancomunar servizos

Non sabemos se a dirección provincial é consciente do pouco que funcionan as mancomunidades da zona. Pero a colaboración entre municipios é unha prioridade para o partido. Para o PP é "unha das vías que está sobre a mesa e que vai permitir aos concellos prestar novos servizos".

Concello a concello

"A mala xestión realizada no Concello de Cee desembocou nunha moción de censura levada a cabo polo PP e o BNG", que para o PP "está permitindo adoptar as medidas necesarias para que o municipio teña un futuro asegurado".
Tras porse á fronte do Concello, a alcaldesa, Zaira Rodríguez, advertiu que "a débeda pública era bastante maior da que se esperaban, porque en lugar de roldar os dous millóns de euros alcanza os tres millóns de euros". Como consecuencia, as primeiras medidas que se tomaron foi a do pago de facturas a provedores, que eran case todos pemes de Cee, algunhas das cales levaban anos esperando a cobrar. Desas facturas xa se pagaron ao redor de 500.000 euros.

O novo equipo de goberno tamén se está esforzando para sacar adiante os orzamentos deste ano, porque na actualidade están traballando cos orzamentos prorrogados do ano 2010.

Fisterra

Manuel Traba, alcalde de Fisterra, considera moi positivo que no municipio "se estean levando a cabo 3 obras que considera fundamentais".
A primeira delas é "o saneamento de Sardiñeiro, no que se investiu un millón de euros; a segunda, o porto de Sardiñeiro, que foi unha promesa do presidente da Xunta e que esperan inauguralo no mes de xuño; e a terceira e última é a gardería", a cal está previsto que se conclúa en maio para que poida entrar en funcionamento co inicio do novo curso.

Camariñas

O portavoz do PP en Camariñas, Daniel Rego González, considera que "o maior despropósito do actual goberno municipal é o malgasto de recursos. Ademais do soldo do alcalde, Camariñas ten varios concelleiros con dedicacións exclusivas que en total ascenden a máis de 126.000 euros ao ano. Esta falta de mesura nas contas está hipotecando o futuro do municipio, que ten unha débeda de máis de 4 millóns de euros".

Ademais disto, Rego destacou "outras malas decisións, como unha aprobación prematura do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)".

Carnota

O portavoz popular en Carnota, José Oreiro Rodríguez, advirte que "as medidas levadas a cabo nos últimos meses polo Executivo local só serviron para colocar a persoas afíns ao seu partido".
Así, nos últimos meses, en Carnota "prescindiuse de tres traballadoras do Punto de Atención á Infancia, todas elas cualificadas, para substituílas por outras tres de fóra do municipio (dous de Cee e unha de Muros)"; prescindiuse tamén de todo o equipo de axuda a domicilio para contratar a un novo; e xa non se conta con tres traballadoras de cultura e deportes que organizaban e xestionaban actividades lúdico-deportivas e que atendían a máis de 300 persoas".

"Como resultado", denuncian, "Carnota atópase nunha situación de grave apuro económico, cuns orzamentos prorrogados do ano 2011".

Corcubión

Gema Freire, portavoz do PP en Corcubión, subliñou que "as políticas desenvolvidas polo alcalde están levando ao municipio á deriva institucional e económica". Freire denuncia que "os numerosos xuízos contra veciños aos que se enfrontou o rexedor provocan unha desconfianza xeneralizada entre os habitantes do municipio".

Dumbría

"O actual alcalde de Dumbría leva tres décadas no goberno, pero, a pesar deses 29 anos á fronte da alcaldía, Dumbría segue carecendo de servizos tan básicos como a rede de sumidoiros ou o abastecemento de auga", denuncia o portavoz popular, Ramiro Igrexas Louzán.

Muxía

O portavoz de Muxía, Alberto Branco Martínez, puxo de relevo "a pasividade que ten o actual goberno municipal, porque ao seu xuízo o único que fixo ata agora é perder todas as oportunidades que se lle presentaban ao Concello.

Vimianzo

A portavoz do PP en Vimianzo, Carmen Borbujo Martínez, que volvía á actualidade política tras varios meses sen estar na primeira liñta, resaltou "a incapacidade do actual goberno municipal para dialogar cos grupos da oposición, así como a inestabilidade política e económica que demostra ter".
Borbujo denuncia que "a xestión actual está enfocada única e exclusivamente a pagar a sentenza de 800.000 euros que hai en contra do Concello polos erros cometidos nas anteriores lexislaturas, e como consecuencia, seguen hipotecando o futuro e o desenvolvemento de Vimianzo".

Zas

Pedro Osende Rigueiro, responsable do PP en Zas, considera que "o actual goberno adoece dunha alta irresponsabilidade na súa xestión, que lle impediu sacar asuntos tan importantes como a aprobación dos orzamentos, a pesar de ter a vantaxe de estar gobernando en maioría".

Osende tamén resaltou "a falta de lóxica coa que se está levando a cabo o desenvolvemento do polígono privado do Allo", pois "aínda non se reclamou nin sequera o segundo cobro ás empresas que se instalan.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios