Continúa o proceso de selección para o Programa de Emprego para mulleres en Camariñas, Muxía e Vimianzo

O denominado "Programa integrado de emprego dirixido exclusivamente a mulleres de Camariñas, Muxía e Vimianzo 2017" que, como anunciábamos hai uns días, atenderá a 85 mulleres demandantes de emprego destes concellos, continua co proceso de selección. O proceso lévase a cabo en colaboración coa Oficina de Emprego e remata o 31 de xaneiro.
Como temos adiantado e agora nos lembran desde Vimianzo, o obxectivo de inserción é do 35% das usuarias. 30 mulleres deberán atopar emprego durante o prazo de 12 meses contados desde o inicio do programa, sexan contratadas por conta allea por una duración non inferior a tres meses ou inicien una actividade por conta propia ou formando parte como socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, durante o programa ou nos tres meses seguintes á súa finalización.
Unha das principais barreiras que se están atopando neste proceso de selección de candidatas son as relacionadas coa conciliación laboral. A atención de menores e maiores son unha barreira á inserción laboral de moitas mulleres. Por iso, dentro do programa se contemplan medidas para favorecer a conciliación e facilitar que as mulleres participantes poidan asistir ás reunións, se poidan formar e poidan traballar. Entre as medidas contempladas figuran:

- Formación en materia de igualdade para as participantes, introdúcese nos contidos formativos un módulo de igualdade para as participantes.
- Formación en materia de igualdade para o equipo técnico do programa.
- Difusión dun manual de linguaxe non sexista. Entrégase ás persoas participantes e ao persoal do proxecto.
- Sensibilización das empresas en materia de igualdade. Perséguese que as empresas e, especialmente, as persoas que dentro delas toman as decisións en materia de persoal, vexan no colectivo feminino a mesma posibilidade de recrutamento de man de obra ca no masculino e teñan en conta a eliminación de barreiras, sobre todo por conciliación.
- Plans de Igualdade Municipais. Tratarase de integrar ao PIE nas actividades que se organizan dentro dos plans de igualdade municipais.
- Outras medidas son de carácter máis individual. Nas sesións de orientación facilítase información sobre medidas máis específicas e servizos municipais tales como garderías, actividades de conciliación, servizos de atención a domicilio, comedor sobre rodas ou vivenda comunitaria.
- Dentro do proxecto contémplase a contratación de servizos para o coidado de persoas dependentes e de nenos/as para que as participantes poidan acudir ás accións do PIE.
- Flexibilización de horarios para participar nas accións formativas do programa, con posibilidade de realizar parte dos contidos a distancia.
Financiamento
A Direción Xeral de Orientación e Promoción Laboral (Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia) comunicou a concesión dunha subvención por importe de 191.951,00 euros para levar a cabo o programa. Este programa vaise desenvolver ata o 30 de novembro deste ano.