Xoves. 13.08.2020
El tiempo

O Encaixe de Camariñas, agora tamén nas "mascarillas"

O primeiro modelo desta liña levará por nome "Carmen".
O primeiro modelo desta liña levará por nome "Carmen".
O Encaixe de Camariñas, agora tamén nas "mascarillas"

O encaixe é unha tradición que non deixa de adaptarse aos novos tempos e ás necesidades que xorden. Boa proba disto son as pezas de Edith del Valle, deseñadora galega que se une á aplicación desta tradición centenaria nas súa liña de mascarillas.

Del Valle, afincada en Compostela, decidiuse polo Encaixe de Camariñas "polo meu vencello coa Mostra, na que xa levo participando en varias edicións, e ademais polos seus valores artesáns e tradicionais, que aportan elegancia pero tamén son significante e significado do que é a sociedade de Camariñas", apunta a deseñadora.

A directora da Mostra do Encaixe de Camariñas, Dolores Lema, xa explicara que “decidimos dar este paso porque moitos deseñadores de moda xa están solicitando pezas de encaixe adaptadas para poder usalas nas máscaras que están a crear”.

Modelo Carmen 2 encaixe de camariñas en mascarillas

Esta nova liña que ten previsto saca Del Valle, levará o nome de mulleres do panorama camariñán. Así, o primeiro modelo da liña levará o nome de Carmen, facendo honra á figura de Carmen Grela Rojo, compositora, "porque é importante dar visibilidade ao papel da muller en todos os eidos da sociedade, e tamén en Camariñas, xa que no Encaixe ten o seu principal expoñente", engadiu.

Cabe destacar que todos os modelos estarán confeccionados con tela homologada para cumprir os parámetros sanitarios correspondentes, e as de cerimonia levarán un filtro TNT a maiores. "Non é incompatible a moda coa seguridade; o contexto convida a pensar que levar máscara vai para rato, e por que non adecuala ao noso modo de vestir", finalizou Edith del Valle, quen adianta que estarán proximamente dispoñibles no seu enderezo web.

comentarios