Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Escola de Camelle celebra os seus 50 anos de ensino do rural

Escola de Camelle
A Escola de Camelle celebra os seus 50 anos de ensino do rural

Non deixamos nunca de loubar as marabillas das escolas do rural costeiro. Pequenos centros, cheos de confraternidade, de atención personalizada, onde as nosas crianzas son moito máis que un número. Pequenos oasis de educación comprometida e natural que están en perigo de extinción por mor devir demográfico do noso país, e da continua política de recortes da Xunta,

Un deses espazos de agarimo, é a Escola de Camelle, que vaia para 50 anos activa. O curso que vén serán 14 os nen@s de entre 3 e 8 anos que forman un grupo único. Unha ensinanza de compartir, de aprenderse os uns aos outros, de coidarse, de respectarse, de quererse, que só se pode dar nestas pequenas reliquias do noso sistema educativo.

Escola de Camelle 21

Para poñela en valor, e mantela viva, a ANPA da Escola de Camelle quere darlle visibilidade cunha gran festa. A ANPA mira ao seu mar, aos seus antergos salgados, e fai orgullo do salitre para recordar aquel 1970 cando tiña lugar un dos fitos máis importantes da historia educativa da combativa vila: a creación da Escola de Camelle, “un lugar onde os rapaces e rapazas podían aprender xuntos o básico antes de partir cara a Ponte do Porto para seguir cos seus estudos”.

A ANPA camellá representa a resistencia do ensino rural, e colabora nos últimos anos con diferentes ANPAS das unitarias da volta, para compartir eventos e festexar datas sinaladas como o Magosto, o Nadal ou o Entroido.

Así, este sábado 18 de xuño, toda a comunidade educativa da zona, tod@s aquelas persoas que pasaron pola Escola camellá celebrarán a festa a partir das 17:00h, cunha gran merenda, inchables, xogos populares, churrascada, unha obra de teatro das Palilladas (22:30) e mesmo Disco Móbil a partir das 23:00h.

As inscripción estarán abertas ata o vindeiro luns 13 de xuño na Farmacia, Peluquería Adela, Pub Marítimo ou no Super A Fonte, por 5 euros para nen@s e 15 para adulto@s.

50 anos da Escola de Camelle

Novas das Escolas Rurais

Comentarios