Hai vida nas casas do pobo do PSOE?
08:15 27/06/17
A agrupación socialista ten en Camariñas unha Casa do Pobo
O partido Socialista ten ao redor de 4.200 sedes - ou tamén coñecidas como casas do pobo - por todo o territorio nacional, moitas das cales están pechadas a día de hoxe. Tal é o caso da de Camariñas, na que a actividade se reduce principalmente a temas orgánicos
"No PSOE vívense tempos de cambio e a utilidade das Casas do Pobo tamén necesita un cambio de rumbo. En moitas Casas do Pobo a actividade viuse mermada nos últimos tempos e algunhas só abren as súas portas para temas orgánicos. Non é xeneralizado. Isto tamén nos fixo perder o contacto e a proximidade coa cidadanía" asegura Juanfran Martínez Canosa, militante do PSOE da Costa da Morte que remitiu onte unha carta a QPC. Unha carta na que reclama que se volvan realizar calquera tipo de actividades, unha vez que "o movemento tanto nas Casas do Pobo da comarca como nas do resto do territorio español viuse fortemente mermada nos últimos tempos".
Segundo sinala este socialista, "as Casas do Pobo teñen que estar abertas, e con moita máis razón cando hai militantes dispostos a organizarse e sacrificar o seu tempo libre para que así sexa".
"Nas Casas do Pobo, que antes da Guerra Civil eran unhas 900 distribuídas por todo o país, os obreiros aprendían a ler e escribir. No século XXI, poden ter outras moitas utilidades para a cidadanía. Non se poden utilizar simplemente para temas orgánicos, senón que tamén deben utilizarse para organizar charlas, talleres ou cursos de capacitación profesional, asesoramento laboral, prestación dos locais a outros colectivos sociais, exposicións, cursos de idiomas e un longo etcétera. En definitiva, trátase de poñer os recursos a disposición dos veciños. Non debemos esquecer que os principios están nas Casas do Pobo" reitera este militante socialista.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])