Heredeiros da Crus, Xabier Díaz, Immaculate Fools e Terbutalina actuarán este verán na Costa da Morte

20:39 09/05/18

Asalto ao Castelo de Vimianzo
Desvelada xa a primeira parte do cartel do que formarán parte Amparanoia e Ialma, a organización do Asalto ao Castelo vén de dar a coñecer outros dous grupos que completan o cartaz do festival que se celebra en Vimianzo na noite do 7 de xullo: o clásico grupo británico Immaculate Fools e os muradáns Terbutalina. "O XXIII Asalto ao Castelo de Vimianzo será un festival moi diverso, apostando pola calidade e por diferentes estilos. O clásico grupo británico Immaculate Fools e os muradáns Terbutalina completan o cartaz do festival, xunto ás xa anunciadas Ialma e Amparanoia", sinalan os organizadores. A festa dos irmandiños da Costa da Morte está a celebrar os 550 anos deste acontecemento histórico (1467-1469). Este ano estará dedicado ao asalto da fortaleza propiedade dos Moscoso de Altamira por parte do propio pobo. Immaculate Fools A volta deste grupo británico aos escenarios traerá moitas lembranzas a quen viviu a súa idade de ouro nos anos 80. A banda de pop-folk revivirá grandes éxitos como o que lle dá nome ao propio grupo Immaculate Fools, Tragic Comedy ou Sad. A banda traerá a Vimianzo unha equipa totalmente renovada formada por músicos británicos e tamén galegos; xa que o seu cantante - Kevin Weatherhill - vive agora na ría de Arousa e declárase un namorado de Galicia. O seu novo disco "Keep the blade sharp" xa ten rodado con gran éxito por cidades como Madrid ou Barcelona e chega o 7 de xullo a Vimianzo. Terbutalina Desde a súa formación en 2010, Terbutalina non deixou de encher festivais e salas de toda a península co seu potente garage-punk festeiro. Este ano contan cunha formación renovada, trala saída da banda dos compoñentes fundacionais Samu, Brais e Diego, e coa chegada de Torres no baixo e de Héctor na batería. Teñen previsto un intenso verán, xa que a formación non deixa de conseguir éxitos e de fulminar as billeteiras das salas por onde pasa con sold-out. Terbutalina conta xa con varios traballos discográficos. O seu LP, A muerte, resultou gañador do Premio a Mellor Álbum en Galego de 2014 nos Premios da Música Independente. En 2015 lanzan o seu penúltimo traballo, Al otomano se le va la mano, gravado no Estudio A Ponte e masterizado por Jim Diamond (The White Stripes, The Sonics) en Ghetto Recorders (Detroit, EEUU), e que é editado por Folc Records e Grabaciones de Impacto. Agora abren nova etapa co EP Sonido Esteiro. Terbutalina transformará o campo da festa de Vimianzo nunha auténtica “Casa da Tolemia”.Carballeira de Zas
Tamén hoxe coñecíamos un primeiro adianto da Festa da Carballeira que se celebra en Zas os días 3 e 4 de agosto. Xabier Díaz, un dos referentes da música tradicional galega, traerá o seu último traballo "Noró" á carballeira de Velar no que se atopan pezas recollidas na parroquia de Muíño (Zas). Non é a primeira vez que Xabier Díaz se sobe ao escenario de Zas xa que o fixo en anteriores ocasións con outros grupos dos que formou parte, tales como Rumbadeira (aló polos finais da década dos 90) ou con Berrogüeto no 30º aniversario deste festival.Camariñas
E onte, os Herdeiros da Crus anunciaban a súa actuación o día 22 de xuño na praia Area da Vila de Camariñas. A cousa promote, porque tal e como poñen na publicación "tocarán ata a noite de San Xoán!".Novas relacionadas
- Asalto 18: Amparanoia e Ialma, primeiras confirmacióins do Asalto ao Castelo de Vimianzo 2018
- Xabier Díaz: "A Costa da Morte é unha terra fértil en floclore"
- Xabier Díaz estrea novo disco con aires da Costa da Morte
- 30 anos de folk e festa na Carballeira de Zas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).