Leiceaga pediu en Camariñas a ampliación da Autovía e a recuperación da Lonxa Vella


Esta mañá, Camariñas recibía a visita de Xaquín Fernández Leiceaga. A alcaldesa Sandra Insua, o concelleiro Sergio Caamaño e a a nova voceira do PSdG en Vimianzo, Mónica Rodríguez, acompañaron ao portavoz do Grupo Socialista en Galicia pola vila do encaixe.
Unha visita na que aproveitou para criticar que durante os 9 anos do goberno de Feijoo, “toda a Costa da Morte e en concreto ao Concello quedaron deixados”.
Concretamente Leiceaga reivindicou a necesaria ampliación da autovía, “importante para unha comarca como factor fundamental para xerar máis oportunidades de riqueza e emprego”, e á situación do Porto local.
En clave loca, Leiceaga pediu que se leven adiante os proxectos da terceira fase do Paseo Marítimo, lembrando que a terceira fase das instalacións está orzamentada en 1,5 millóns de euros que ano tras ano quedan sen executar dende o goberno galego.
Outra das peticións que fan os socialistas ao goberno galego é a recuperación da Lonxa Vella, actualmente tapiado e situado nun “espazo privilexiado”. De feito, os socialistas xa solicitaron a transferencia da titularidade duns espazos que continúan en posesión de Portos a pesares de que carecen xa de usos portuarios e están integrados no Concello, que ademais asume a súa limpeza e mantemento. Pero de momento a Xunta non ten respondido.