Luar na Lubre pide a declaración do Monte Pindo como Parque Natural na presentación da súa nova voz
Impresionante o compromiso ca terra que ten a histórica banda coruñesa. Este pasado sábado 7 de xaneiro, Luar na Lubre facía a presentación da súa nova e marabillosa voz. Paula Rey deixaba ca boca aberta aos centos de espectadores que abarrotaban o "orfo" Teatro Colón, i é que as súas interpretacións de temas míticos como "Tu Gitana" (que lle valeu para convencer ao grupo no casting) ou "Chove en Santiago", cun tono máis lírico que as outras 3 voces que pasaron pola banda. fascinou aos espectadores.
Se ben deixamos para máis abaixo o devir do conmovedor concerto, queremos salientar as numerosas alusións da banda á nosa Costa da Morte. I é que ademais das continuas alusións nos discos aos confíns da terra, a relación de Bieto Romero é moi especial coa nosa bisbarra, e alomenos outro compoñente, o flautista Xan Cerqueiro, é da zona de Bergantiños.
Luar na Libre pide un Monte Pindo Parque Natural
Xa coñeciamos o tema que Luar na Lubre adica ao Monte Pindo no seu último disco Solsticio, que serve ademais como portada do magazine da Radio Nordés-Cadena Ser "Vivindo a Costa da Morte". Pero é que en pleno concerto, Bieito Romero, líder da banda, fixo expresa a petición da Asociación Monte Pindo Parque Natural, esixindo a protección medioambiental para o "Olimpo Céltico".
Falou tamén das cabras do monte e ata deixou caer a existencia dunha cabra autóctona da Costa das Cabras, como lle chamaban os navegantes á nosa zona cando pasaban por diante das nosas costas e veían correr ás cabras aló no cumio da Moa.
E unha por Camariñas
Pero non quedou aí a relación da banda coa nosa bisbarra. Tremenda foi a ovación do público cando Bieito anunciaba que o seguinte tema é o tradicional "Al pasar por Camariñas", e tremenda foi a resposta do público que canturreando o tema tradicional apenas deixaba escoitar á nova voz .
Unha presentación cargada de historia e emotividade
A presentación non puido ser máis emotiva. Un concerto tan especial, na súa casa, no Teatro Colón, un dos seus feudos fetiches, e con momentos nos que os aplausos á nova vocalista non permitían que o concerto (o máis longo nos máis de 25 anos de historia da banda con máis de 2 horas e 26 temas) continuase.
Servíu ademais para comprobar a potencia desta banda referente en todo mundo como un dos estandartes da música celta. Da man de Bieto Romero, tan impresionante coas gaitas, a zanfoña ou os acordeóns como cas presentacións dos temas, levounos de viaxe pola historia da nosa terra. E montados no carro musical da banda puidemos viaxar dende o medievo e as cantigas de Martín Códax ata a taberna do século XX co tradicional tema "Pousa, pousa, pousa", co que pecharon o concerto.
Mención aparte merece os dous temas a capela cos que Paula Rey acabou de meterse ao público no peto. Ademais, un dos temas serviu para amosar por onde van os tiros do novo disco que xa están gravando, onde a música medieval terá unha forte carga protagonista.
Rematou Bieito lanzando un ataque aos que permiten que un foro como o Teatro Colón quede orfo ante o vencemento do contrato coa Fundación Caixa Galicia. Veremos en que queda todo, pero parece que a partir do mes de febreiro, o teatro permanecerá pechado.
Entrementres, nós estaremos atentos para ver a evolución desta banda tan comprometida ca terra, e como non, ca Costa da Morte.
Máis información
Luar na Lubre na Costa da Morte
- Unha nova e impresionante voz para Luar na Lubre.
- Luar na lubre homenaxea ao Monte Pindo no seu último disco.
- Luar na Lubre presenta un novo disco cargado de Costa da Morte .
- Luar na Lubre presenta os seus "Camiños da Fin da Terra".
- Luar na Lubre encandilou a todo Corcubión .
Outras novas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).