Mar de Fábula e as mariscadoras recuperan a enseada da Basa
Este sábado 4 de xullo, o litoral camariñán acollerá unha cita medioambiental moi simbólica. Serán as mariscadoras de Camariñas as que xunto ás xentes da asociación Mar de Fábula realicen, contando co soporte loxístico deste Concello, unha xornada de limpeza da ría. Ambas entidades fan un chamamento a todos os voluntarios dispostos a colaborar na recuperación estética e paisaxística da enseada da Basa, o día 4 de xullo ás 10.00 horas da mañá.
Esta rica zona de marisqueo, soporta aínda na súa contorna, fóra do alcance das mareas, unha presencia importante de lixo plástico, moito enredado na vexetación e amoreado alí polos sucesivos temporais de inverno que baten con frecuencia na nosa costa.
Así, o colectivo das mariscadoras de Camariñas, nun exercicio de responsabilidade e de posta en valor dos recursos naturais da zona, teñen a iniciativa de tomar coidado tamén polos aspectos estéticos e paisaxísticos do seu ámbito de traballo, aumentando desta maneira a calidade ambiental de todo o fondo da ría, reforzando a súa imaxe como agrupación profesional comprometida coa defensa do medioambiente e incorporando un valor engadido ao resultado do seu esforzo cotiá.
Vaille no seu ademais, pois cómpre recordar as interesantes rutas turísticas que realizan.
Por iso, piden á veciñanza que se una á limpeza deste 4 de xullo, ás 10.00 horas. O lugar de encontro será o Aparcadoiro do Bar-Parrillada “O ROJO”, Xaviña, a 5 kms. da saída da Ponte do Porto dirección Camariñas. Será unha limpeza de 2 horas e recoméndase traer botas de goma así como auga ou bebidas.
Novas relacionadas
- 16-03-15: Os voluntarios de Mar de Fábula curan a ferida plástica do Coído de Touriñán.
- Unha fábula moi ecolóxica.
- De ruta coas mariscadoras de Camariñas.
Máis novas
- A praia de Lires, a única pechada ao baño de toda Galicia por mor da contaminación da piscifactoría.
- A Costa da Morte foi a zona con máis conciencia na Limpeza Simultánea de Praias.
- Retrasos nos servizos básicos das praias da Costa da Morte: Cuadrillas de limpeza.
- Fotodesfeita: O estado da praia despois da primeira invasión dos “domingueros”.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).