A Mostra do Encaixe de Camariñas abre as portas ao voluntariado
- A Mostra estrea nova web en www.mostra.es.

A XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas ten aberto as inscricións para formar parte do grupo de voluntariado desta cita. As persoas interesadas en formar parte da organización poden chamar ou enviar unha mensaxe de Whatsapp ao teléfono 653 26 55 29 ou por correo electrónico ao enderezo [email protected].
As voluntarias e voluntarios son parte viva dunha Mostra do Encaixe Deputación da Coruña que este ano se celebrará do 16 ao 20 de abril de 2025, sempre en Semana Santa.
A directora da Mostra, Dolores Lema, subliña o relevante papel das voluntarias e voluntarios, “alma da nosa Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, imprescindibles cada ano non só para que todo saia a pedir de boca, senón tamén para crear un espírito de grupo imposible sen eles e elas; témoslles moito que agradecer”.
Nova web
A Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña dá un paso adiante na súa estratexia dixital co lanzamento da súa nova páxina web (www.mostra.es), deseñada para ofrecer unha experiencia máis moderna, atractiva e funcional. Este redeseño non só mellora a estética e usabilidade, senón que tamén optimiza a organización dos contidos e potencia a visibilidade do evento no ámbito dixital.