Nen@s que contan contos a nen@s

Como nos gustan colleitar boas iniciativas no ensino, porque dende arriba só nos chegan malas novas. Por iso, imos hoxe de novo ata a Biblioteca do IES Pedra da Aguia, da Ponte do Porto, Camariñas. Ali continúan en marcha cunha liña de fermosas actividades, compartindo ademais o seu saber con outros pequenos.

Desta volta, os rapaces do club de lectura de 3º-4º prepararon dous contos infantís “A Cabra Boba” e “Cocorico”. Estiveron varios días preparando a letra e a coreografía e onte era o gran día. Alá foron, un grupo de 9 rapazas camiño dos centros de Primaria de Camariñas e da Ponte do Porto. Realizaron dúas representacións en Camariñas e unha no colexio da Ponte do Porto, con vintetantos rapaces de cada vez, e os pequechos non pararon de rir, e debeulles gustar porque do contrario non estarían tan atentos.

Os contadores de historias tamén quedaron encantados ca experiencia, unha máis no club de lectura e unha colaboración estupenda cos centros de primaria que puxeron á súa disposición canto precisaron, sobre todo o seu tempo e atención. “Quedamos con gañas de repetir”, cóntanos o propio mestre e responsable do club, Emilio Roca.

Máis actividades no club de lectura

E non para ese club, vaia eses dous clubs de alumnos, de 1º a 4º. En breve os 35 alumnos/as, rematarán o curso “lector” cunha vista a Illa de San Simón, seguindo as pegadas do libro de Agustín Fernández Paz “Noite de voraces sombras”.

Tamén o club de adultos (si, si, os pais e nais quedan no IES para compartir lectura) seguirá os pasos de Agustín, pero desta volta por terras de Pontedeume e Betanzos, seguindo ao protagonista do libro “A viaxe de Gagarin”. Con este mesmo motivo xa realizaron un percorrido literario pola cidade da Coruña. Toda unha experiencia tamén para os pais e nais.

Novas relacionadas

Bo exemplos escolares

Malos exemplos no ensino

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal)