A Costa da Morte ten 245 profesores menos nos últimos 4 anos


Cando a sociedade enteira alza a voz para denunciar os recortes no ensino público nos últimos tempos, é por algo. Este curso, coa implantación da polémica LOMCE, xa temos dado conta de varias loitas importantes, como a que levan no CPI de Laxe, a do CEIP Bergantiños, ou a do IES Pedra da Aguia.
Estas son só as últimas e as máis graves, pero é que nestes últimos anos, os datos de perda de profesores nos centros de ensino público da bisbarra asustan. As comarcas de Bergantiños (-11%) e Costa da Morte (-15,21%) son, de feito, as máis afectadas, segundo o informe que vén de publicar o PSdG, no que denuncia a supresión de 900 prazas docentes na provincia coruñesa dende o 2010. Nada menos que 245 deses mestres que perderon a súa praza, son dos Concellos QPC.
O voceiro socialista, Álvarez Cisneros lamentou que o presidente Feijóo “debuxara onte no Parlamento unha situación idílica da educación en Galicia, como a segunda autonomía con máis profesores por alumno, cando os datos da propia Consellería de Educación o desminten e amosan un recorte brutal de docentes, que é especialmente significativo nas comarcas rurais como o interior coruñés, a Costa da Morte e Ortegal”.
Denuncian ademais que “nestes catro anos duplicouse o número de profesores interinos, pasando de 450 a 1.173, o que supón unha maior precariedade e perda de estabilidade no emprego do profesorado dos centros públicos”.
Especial preocupación na educación especial
Xa o estamos vendo en Laxe, onde as especiais características do seu alumnado esixen un mestre/a de pedagoxía terapéutica; e un mestre/a de audición e linguaxe, ante os oídos xordos das administracións. Estas necesidades especificas de cada centro estanse esquecendo, e son tremendamente importantes para un ensino de calidade.
Polo ensino privado
Para o PSdG, ”o Goberno de Feijóo está favorecendo a degradación do sistema público de educación mentres segue favorecendo o ensino privado”.
Resposta rápida o PP
E de seguido, o PP provincial envía unha not acusando “ao PSOE de faltar á verdade ao falar de recortes no profesorado da provincia da Coruña”. A crítica do grupo de goberno é que “datos expostos polos socialistas obtivéronse mediante procedementos caseiros, e afirman que os resultados que ofrecen son tendenciosos e arroxan cifras que non se sosteñen”.
Rematan acusando ao PSOE de presentar un estudo que busca "politizar" o ensino, xerar "alarmismo" dentro da comunidade educativa e "enrarecer" o inicio do curso escolar.
Os datos dos Recortes de profesores entre 2010 e 2014 na Costa da Morte






Máis novas sobre a loita contra a LOMCE
- O grupo de 4º de Primaria que non tiña titor.
- O CEIP Bergantiños recibe profesor de relixión pero non un especialista en pedagoxía terapéutica.
- Importantes esixencias para o CPI Cabo da Area de Laxe.
- O CPI Cabo da Area tamén protesta os recortes mentres na Ponte critican o seu parche.
- O IES Pedra da Aguia critica o recorte de mestres no comezo do primeiro curso LOMCE.
- Parches en 16 centros educativos da bisbarra.
- A Xunta anuncia que manterá aberta a Escola de Carnés.
- A ANPA do CEIP de Malpica esixe unha solución aos problemas de persoal.
- Os pais e nais de Carballo piden o mantemento da novena unidade de Educación Infantil do CEIP Fogar.
- As ANPAS inciden na volta ao sistema de préstamo universal de libros de texto.
- As Anpas Galegas conclúen en Vimianzo que hai que seguir mobilizándose polo ensino público e de calidade.
- A Costa da Morte móllase polo ensino público.
- 09-05-13: A comunidade educativa para ao completo contra a LOMCE.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).