O IES Ponte do Porto recupera o seu Grupo de Debate entre mestres e pais


Esta semana arrincaba un novo curso do “Grupo de encontro e debate" do IES Pedra da Aguia de Ponte do Porto. Unha actividade que comezou hai 6 anos, e só se interrompeu o curso pasado por falta de asistentes. Unha proposta que ten por obxectivo crear un espazo de diálogo e aprendizaxe mutua. Unha acción que se leva adiante a pesar dos continuos recortes que está a denunciar o centro.
Trátase de xuntar nais, pais, mestres, mestras e diversos técnicos para falar sobre temas que preocupan na educación das nosas fillas e fillos. As xuntanzas vanse celebrar unha vez ao mes, os luns a partir das 16:30h.
Neste curso están inscritas 25 persoas. De todos os xeitos, o prazo de inscrición segue aberto para aqueles pais e nais que estean interesados. Só teñen que poñerse en contacto co centro escolar.
Nesta primeira sesión a coordinadora do grupo, Silvia Lijó, explicou o funcionamento da actividade e pediulle aos asistentes que aportaran temas do seu interese para posteriores xuntanzas.
O tema central desta xuntanza foron os adolescentes, sesión coordinada por Ali Trillo educadora familiar do Concello de Camariñas. Desenvolveuse dun xeito moi cordial e con moita participación e achegas por partes de todos/as os/as asistentes, especialmente polas nais.
A próxima sesión será o 24 de novembro ,"Prevención e sensibilización en violencia de xénero", impartida por Patricia Vaquero, técnica de Igualdade do Concello de Camariñas.

Novas relacionadas
- O IES Pedra da Aguia denuncia un novo recorte no horario dunha mestra a metade de curso.
- 2012: Pais e nais debaten no Instituto.
- Mediando conflitos dende o instituto de Fisterra.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasacosta.com).