Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Piden a paralización das obras da pista de Reira

Reforma pistas de reira 2023
A obra avanzou 300 metros coa instalación dunhas madeiras
Piden a paralización das obras da pista de Reira

O pasado mes de marzo arrincaban as obras de reforma da pista de Reira, unha das zonas máis virxes e fermosas do noso litoral. Unhas importantes obras que contan con 2 millóns de euros de orzamento, que consisten na construción dunha senda peonil de 6,5km entre o Faro Vilán e o Cemiterio dos Ingleses, cunha beirarrúa de madeira, un sentido único na vía e unha a berma verde como zona intermedia entre o camiño e os cantís.

Se ben o prazo de execución da obra é de 8 meses, polo de agora xa se ten instalado parte da estrutura da beirarría de madeira, ao longo duns 300 metros. E ao vela, dende o BNG piden a paralización inmediata das obras pois, consideran que "a reforma carecen de planificación e sentido". "Usan materiais que pouco van durar e o único que fan e entorpecer a vida da xente do mar que as utiliza”, indicou Xurxo Rodríguez, o candidato á alcaldía de Camariñas polo BNG.

O BNG considera que "estes tablóns xa foron postos noutras reformas destas pistas e ao cabo de pouco tempo se deterioraron, pois non resisten nada ben as inclemencias do tempo, ben duro nestas zonas durante o inverno e estes se volven moi perigosos para as bicicletas e para os peóns pois se tornan moi esvaradíos provocando caídas continuas".

"No BNG sabemos perfectamente que a solución para estas pistas non é sinxela", recoñecen, "mais debería facerse con materiais que producisen o mínimo impacto na zona e coa garantía de durar e consensuar o proxecto cos sectores afectados e coa veciñanza a que sempre ignora".

"A zona precisa con urxencia dun Plan Especial de Protección para a zona que abrangue a costa dende o Vilán ata Santa Mariña, como se ten feito na praia das Catedrais en Ribadeo, para controlar o turismo permitindo o acceso as persoas que o precisen e protexer os entornos dunares en risco e as especies de fauna e flora ali presentes, entre estas especies, a tan querida caramiña".

Comentarios