Mércores. 01.05.2024
El tiempo

O pobo de Camelle rescatou a súa historia

Xurxo Rod dando a benvida a Camelle aos tripulantes do City  of Agra
Momento da representación da Arribada na que se dá a benvida aos náufragos do City os Agra
O pobo de Camelle rescatou a súa historia

Canto futuro ten esta celebración, estando, como está o pobo tan volcado. A pesar da competencia desleal que supón unha voda no seo da vila, a pesar das festas de Carnés, Baio… as vilas de Camelle e Arou viviron unha fin de semana moi especial. A celebración do 125 aniversario do naufraxio do City of Agra rescata un dos primeiros episodios onde comezou a lenda da “Costa da Morte”, pois foi este boque que unía Europa e a India o que provocou as primeiras crónicas inglesas con ese calificativo.

Foron días de praia, polo que foi moita a xente que escolleu pasar o día na praia de Arou, para ir enchendo os bares contra a noitiña. Notárono os postos da feira de artesanía, pois polo día non houbo demasiado movemento.

Pero a medida que se ía achegando o lusco e fusco, as xentes comezaban a saír para disfrutar do meirande programa cultural adicado a un naufraxio de Galicia, organizado pola Asociación Naufraxios Galegos e o Concello de Camariñas, en colaboración coa confraría local de pescadores e co apoio económico da Deputación.

Inauguración

Autoridades abrindo o City of Agra
Sandra Insua, Xurxo Rodriguez, Xurxo Couto e Fernando Patricio Cortizo inaugurando o venres o programa o City of Agra

Acodían as autoridades o venres para inaugurar o programa. A alcaldesa Sandra Insua, recoñecía que “poucos lugares no mundo saben máis de naufraxios que Camariñas”, facendo referencia tamén a que “son moitos os camariñáns e as camariñás que sufriron directamente as consecuencias dun naufraxio”, pero “se algo bo se pode sacar disto é que fai que saia á luz a esencia dun pobo, e disto temos que estar moi orgullosos”. “Os primeiros naufraxios documentados xa relataban a solidariedade, a xenerosidade e a axuda que prestaron os camariñáns aos náufragos”, salientou.

Pola súa parte, o responsable do departamento de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, repasou a importancia de “facer memoria, porque conservar a memoria, verdadeiro patrimonio inmaterial, é importante para lembrar quen fomos e por iso somos”.
Falou tamén na presentación o veciño e secretario de Naufraxios Galegos, Xurxo M. Rodríguez Agra, que recolle no seu libro “O naufraxio do City of Agra”, a historia das 33 persoas que faleceron, e das 32 salvadas polos mariñeiros locais e aloxadas en Arou, Camelle e Camariñas, e dez máis socorridas polo mercante británico ‘Onega’.

Non faltaron as palabras do auténtico armadanzas de todo isto, que non é outro que Fernando Patricio Cortizo, que dende Naufraxios Galegos focalizou no agradecemento ao pobo camellán.

O teatro, protagonista

A Palillada do City of agra
As artistas da Palillada

O venres, ademais das tapas especiais para a ocasión en media ducia de bares das dúas vilas (e as sardiñas da taberna da casa aberta na Casa de Man), inaugurábase a exposición nun local da rúa Principal, pero todo o mundo esperaba a Palillada Teatralizada. Unha obra coas irmás Rodríguez á cabeza, chea de improvisación pero cun texto, como todos, escrito por Andrea. O Escenario Teatro situado no centro do porto camellán acollía esa obra de teatro protagonizada polas bravas mulleres da vila, no que representan ese momento tan propio daqueles tempos, cando as mulleres facían encaixe actualizando a vida da vila.
A noite remataba co concerto de Serj, o vimiancés tan querido na vila camariñá.

O sábado arrincaba cun roteiro animado por varios puntos específicos onde os naufraxios son protagonistas. Pola tardiña, houbo unha fermosa foliada con grupos da zona (Baile Camelle, Jolpe de Mar, Abrindo o rejo, Trubisquiña, Vaiche Boa e Mar Devalado).

Pau que vira en Camelle
Pau que vira

Ía chegando o lusco e fusco e con el un dos momentos da noite. A música de Pau que vira (da brava Cecilia Burillo e compañái) comezaba a soar. Pronto ducias de nenos comezaron a desfilar berrando pola vila “Varou un barco en Arou. Acudide veciños”. Comezaba así a representación da Arribada dos náufragos do City of Agra ao porto de Camelle.

Non paraba de soar a música, e as barcazas dos veciños achegábanse ao porto, transportando eses 32 tripulantes, uns ingleses outros indios, ao porto camellán, xa convertido nun auténtico fervedoiro de xente. “Benvidos a Camelle” comezaba a berrar a veciñanza mentres os náufragos subían pola rampa, pouco antes de que Xurxo Rodríguez lles dera a benvida oficial.
Eran os Melidaos os que puñan o broche de ouro a unha xornada tremenda.

Arribada do City of Agra
O porto estaba ateigado para o momento da Arribada
A Arribada do City of Agra
Os protagonistas da Arribada

Pero aínda quedou un domingo ben completo, tamén con representacións como o acto de entrega de medallas no Palco da Música, que impoñerá o vicecónsul británico residente na Coruña aos tres patróns de Camelle que tripulaban as correspondentes embarcacións que salvaron a 30 náufragos británicos; e a despedida aos náufragos que embarcaban rumbo ao porto da Coruña, a bordo do vapor Pepe da Cía Barbeito.

Un longo futuro o que lle espera a esta festa baseada na memoria.

Novas relacionadas

Comentarios