luns. 05.05.2025
El tiempo

O PP propón campañas de coidado e posta en valor do patrimonio arqueolóxico subacuático

Paula Mouzo con Rafael Lema
Paula Mouzo con Rafael Lema
O PP propón campañas de coidado e posta en valor do patrimonio arqueolóxico subacuático

Non será polas veces que a Costa da Morte solicitou a creación dun Museo Subacuático onde acoller os tesouros da nosa arqueoloxía submariña que marchan a museos de Vigo, Santiago ou Coruña. A pesar de termos uns dos fondos mariños máis ricos en patrimonio histórico de todo o planeta, a Costa da Morte nunca recibiu a deferencia de instalar un espazo onde aproveitar esas xoias como foco de atracción turística.

Se cadra a recente recuperación, e marcha, dun canón de bronce do século XVI das augas de Fisterra, fixo reflexionar ao PP, ou se cadra dende a comarca, tamén o Partido Popular entende que estes elementos deben quedar na nosa comarca. De aí que deputada do Grupo Popular e voceira do PP en Camariñas, Paula Mouzo, anunciase que solicitará no Parlamento galego que a Xunta intensifique a cooperación coas entidades competentes no ámbito do patrimonio arqueolóxico subacuático para impulsar campañas destinadas ao coñecemento dos bens existentes nas costas galegas.

Paula Mouzo reuniuse co delegado da Real Liga Naval Española na Costa da Morte, Rafael Lema, a quen anunciou a presentación desta iniciativa no Parlamento de Galicia dada a relevancia do patrimonio arqueolóxico subacuático existente nas costas galegas, así como a necesidade de reforzar as políticas existentes para a protección, investigación e recuperación destes achados, que outorgan ademais grandes oportunidades turísticas.

Previr o espolio

A deputada popular e Rafael Lema lembraron que a Xunta recuperou recentemente un canón de bronce pertencente a un buque do século XVI en Punta Sardiñeiro, no concello de Fisterra. “O obxectivo é previr o espolio e asegurar a correcta conservación desta peza, que pasará a formar parte dunha exposición museística”, explicou Paula Mouzo. 

Así mesmo, indicou que a realización de campañas de coñecemento do patrimonio arqueolóxico subacuático “permitirá seguir afondando no estudo e difusión de sucesos acontecidos no pasado nas costas galegas, para o que resulta fundamental a difusión dos obxectos achados e o impulso de accións dirixidas á recuperación doutros bens afundidos”.

Máis novas

Comentarios