Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Un retrato da Deputación das mulleres do noso mar

Ángeles Mille Rodríguez_Anmupesca co Delegado
A Ángeles Mille Rodríguez con Rita Minguez, representantes de Anmupesca, co Delegado do Goberno Pedro Blanco
Un retrato da Deputación das mulleres do noso mar

A Deputación presentaba esta fin de semana na asemblea xeral da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca) o “Mapa das mulleres da pesca na provincia da Coruña”. Trátase dunha ferramenta virtual pioneira que demostra a importancia das profesionais para o sector, no que ocupan o 42 % dos empregos.

Rita Míguez, a presidenta de Anmupesca, quixo poñer en valor o mapa como “unha iniciativa pioneira” pola que a asociación levaba loitando dende a súa constitución no ano 2016 “e que soubo recoller o presidente da Deputación como unha necesidade imperiosa”.

Traballadoras galegas

O mapa acolle a máis de 6.380 mulleres. O colectivo de mulleres do mar máis numeroso atópase na industria conserveira, con 3.205 traballadoras, o que representa o 66,7 % dos empregos. A maior parte concéntranse na zona do Barbanza, especialmente nos concellos de Ribeira, Boiro e A Pobra do Caramiñal. O seguinte grupo é o do marisqueo a pé, con 809 mulleres (65,6 % do total do sector), mentres que as peixeiras son 445 (69,4 %).

O das redeiras, das que a metade de toda España se atopan na provincia coruñesa, é o ámbito máis feminizado de todos, xa que as 197 mulleres que se dedican á elaboración e reparación de redes representan o 94,2 % do total de profesionais, mentres que na provincia unicamente hai 19 percebeiras a pé (21 %) e 22 dende embarcación (14,8 %).

A análise dos datos permite descender a detalles como o peso das empresarias nas confrarías, con presenza destacada, por enriba do dobre da media, en municipios como O Barqueiro (33, 3 %), Miño (20 %), Camariñas (18,8 %) e Ferrol (18 %).

Comentarios