A Sala dos Naufraxios e da Historia Marítima de Camelle celebrou, con sorpresa, o seu primeiro aniversaro
Acolleu Camelle unha nova fin de semana salgada. A III edición do programa Mare de Invernía volvía converter a vila camellá no epicentro da cultura dos naufraxios de toda Galicia. A Asociación Cultural Naufraxios Galegos quixo celebrar dun xeito especial o primeiro aniversario da Sala dos Naufraxios e da Historia Marítima de Camelle.
A Sala estreou unha vitrina con tres fabulosos elementos patrimoniais orixinais do HSM Serpent, no marco ademais da polémica sobre a suposta áncora do buque británico. Ante unha gran expectación, descubriuse os tesouros da nova vitrina, que recollen unha vaíña de proxectil de 47 mm de latón pertencente á munición dos 6 canóns Hotchkiss, que levaba a bordo o HMS Serpent, doada por Esteban de Petrallo, herdada do seu avó Petrallo, o mítico buzo de escafandro camellán. Completaban o “trío de ases” desta vitrina dous documentos orixinais da época: unha capa do xornal británico The Illustrated London News, da edición do 22 de novembro do 1890, con gravados do naufraxio do HMS Serpent e unha carta escrita a plumiña co selo da base da Royal Navy en Devonport do Almirante en Xefe da Royal Navy, Alfred Ernest Albert (fillo da raíña Vitoria de Inglaterra) Duque de Edimburgo, agradecéndolle ao tenente Galloway a recuperación do pecio do HMS Serpent dun retrato seu adicado do seu puno e letra ao malogrado comandante deste navío, Harry L. Ross. Estes dous últimos elementos foron adquiridos en poxas polo secretario da asociación Xurxo M. Rodríguez Baña.
As xornadas remataron co agardado faladoiro da memoria mariñeira de Camelle, adicado aos nosos falecidos no mar. Un acto emotivo e simbólico cun traballo fabuloso feito por Xulio da Cantora e Manolo do Canle, que rematou cunha homenaxe e ofrenda floral na rampla dos buzos á memoria dos finados no mar.
Máis novas