A RLNE denuncia que a áncora incautada pola Garda Civil non é do Serpent
A semana pasada a Garda Civil informaba da recuperación das áncoras do HMS Serpent. A Garda Civil trasladaba ao Museo de Man as tres áncoras intervidas nunha praza de Muxía, asegurando que unha delas correspondía ao buque protagonista dun dos naufraxios máis importantes da historia da Costa da Morte.
Porén, a delegación provincial da Real Liga Naval Española en A Costa da Morte-A Coruña quere achegar a súa parte de conclusións para esclarecer a orixe e calidade do material incautado a partir dun informe da área de Patrimonio Cultural Subacuático para a zona norte da Federación Española de Actividades Subacuáticas FEDAS.
Despois dunha semana de debate, o informe da RLNE conclúe que “a áncora incautada de ningún xeito procedía do cruceiro inglés”. Un informe que, aseguran, conta co apoio de “historiadores, arqueólogos, persoas formadas en xestión do patrimonio e profesionais do mar”.
Consideran que a devandita áncora foi sacada hai 30 anos do fondo do mar a 80 brazas, preto dun caladoiro chamado O Crebal, moi coñecido polos nosos vellos e novos patróns de Muxía, Camariñas e arredores. Polo tanto, moi lonxe de terra e da Punta do Boi, onde naufragou o cruceiro inglés.
Con todo, este non será o último capítulo desta liorta entre especialistas... Iremos contando.