Serj rende homenaxe ao Rei das Mareas, Modesto Tajes Sánchez

Menuda molladura que colleron os protagonistas do novo vídeo de Serj. O vimiancés vén de dedicarlle unha canción a un dos grandes iconos costeiros como é Modesto Tajes Sánchez, mariñeiro e submarinista camellán que xunto cos seus irmáns dedicou a súa vida a recuperar os corpos dos desafortunados que morrían no mar. “Tiña un instinto especial para interpretar as correntes, as mareas... a linguaxe do mar”, conta o propio Serj, que decidiu escribir e describir esta gran persoa, xa finada, e ao mesmo tempo quere estender a dedicatoria a toda a xente da Costa da Morte, “a toda a xente brava e loitadora da nosa terra”.

Xa presentaron o tema nun par de concertos acústicos en formato cuarterto (Serj-guitarra e voz; Rebe--coros e percusión; Valdés--caixón e coros; Raúl--guitarra eléctrica) en Sada e Camelle, cunha inmellorable acollida en ambos eventos. E seguirán coas presentacións en breve, acompañadas ademais do vídeo realizado para a ocasión.

Un vídeo que naceu dun encontro cos compañeiros de Masando Pulpos Productions, formada por dous rapaces de Camelle, Mo e Xurxo, hai cousa de 3 meses. Xurxo, pola súa parte, coñecía a unha bailarina de Sada, Estefi Gómez, que participou coas súas danzas no vídeo. Con poucos medios e moita ilusión, armaron esta tremenda obra, con rodaxes nas virxes praias de Traba e Arnado, e na costa e o fondo mariño de Camelle.

Déixense mollar.

 

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas musiqueiras

Máis novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).