Uxía Loureiro foi a gañadora do XXIX concurso de Noveis Deseñadores da Mostra

Unha das partes máis singulares da Mostra do Encaixe de Camariñas, da que xa limos unha completa crónica, é a importancia que lle dá aos novos deseñadores. Faino con encontros e charlas entre os novos e os grandes deseñadores que participan nos desfiles, pero sobre todo, faino co Concurso de Noveis Deseñadores, que este ano chega á súa XXIX edición.
Houbo que esperar ao último momento, á clausura na tarde do domingo, para coñecer os gañadores do certame. A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, afirmou que “a Mostra é o que é grazas ás palilleiras e ás súas mans de ouro. Nunca, nunca, podemos esquecer isto. Sen elas, e sen as novas xeracións, que son presente e futuro do encaixe, nada de que vivimos durante estes cinco días de festa sería posible”.

O primeiro premio, entregado pola concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, recaeu nas mans de Uxía Loureiro, que conquistou ao xurado profesional coa súa colección A Orixe.

O responsable da planta de Vilán de Stolt Sea Farm, José Figueroa, entregoullle o premio a Tecer, de Fabiola Santos Baña, que quedou en segundo lugar; mentres que a colección F.37 de Sofía Sánchez Rey e Santiago Iglesias Alonso, que recibiu o premio de mans do fundador de Frigoríficos de Camariñas, Luis Canosa; acadou o terceiro posto.

O premio á “Colección máis comercial”, entregado pola presidenta da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Olga Campos, foi para Inmaculada Dios González, con Isleño.

Nesta edición repartíronse un total de 4.500 euros en premios divididos do seguinte xeito: un primeiro premio de 2.100 euros, un segundo de 1.200 euros, un terceiro de 600 euros, e o premio á “Colección máis comercial” tamén de 600 euros.
Optaron a estes galardóns un total de 40 mozas e mozos que están dando os seus primeiros pasos no mundo da moda. A procedencia dos noveis deseñadores foi moi diversa, formados nas mellores escolas a nivel estatal.
O xurado estivo composto polas seguintes deseñadoras e deseñadores: Carmen Pichel, Miquel Suay, Esteban Freiría, Montse Gallego, Dolores Cortés, Ana Cabranes, Charo Carrillo, Modesto Lomba, Jorge de Álvarez e Felipe Santamaría.
